O EMPERADOR DE AMERICA





AO PÈ DO FARELO
O EMPERADOR DE AMERICA

De cando Eu era neno, gardo como un dos meus recordos mais entrañables as clases e lecturas de “Historia Sagrada”, con toda a súa carga de moralina barata, de represión e pecado que tan sabiamente nos transmitían os cregos, así como quen non quere a cousa.
Por suposto que a min as que mais me impresionaban eran as vidas de Santos, sobre todo se morrían castos, puros e nenos coma min, non podemos esquecer que un dos pecados mais horrorosos da época eran os que ían directamente contra o Sexto mandamento da lei de Deus, aínda que Eu por aquel entón non tivera ni idea do que me falaban, e por suposto que non me comía unha rosca, co paso dos anos, non cambiei nada neste aspecto particular da miña vida mais escura. Non lle hai que facer.
Pero grazas a estes ensinos quedoume un interese e unha curiosidade permanente por coñecer a historia, e as súas anécdotas, e particularmente de persoas.
Por iso fai uns días, cando escoitei falar de Joshua A.Norton, coñecido como a súa maxestade O Emperador Norton I, dos Estados Unidos de América, quedei abraiado, ata agora nunca antes escoitara tal cousa.
Pois si segundo conta a historia, este home, naceu en Londres, tal vez, entre o 1814 e 1819, se ignora case todo da súa vida, ata que chegou a San francisco no ano 1849, en plena febre do Ouro, disposto a facer fortuna, coma tantos outros.
O parecer tivo sorte, e conseguiu amasar unha inmensa fortuna que estragou nunha operación de alto resgo, relacionada co mercado de arroz, de resultas da cal quedou na mais absoluta ruína, comezando a dar mostras dun comportamento éstrano e mesmo delirios de grandeza que rematan coa súa autoproclamaciòn como “Emperador”, o 17 de setembro do ano 1859, trala publicación no San francisco Bulletin, importante xornal da época, da súa primeira proclama, na que facía saber os que en adiante ían ser os seus súbditos que xa tiñan un emperador, que por suposto ía ser el.
Esta tolemia continuaría, coa segunda proclama, pola que declaraba destituído ao Presidente dos Estados unidos, e disolto o Congreso, ante súa manifesta incapacidade e mesmo corrupción.
Durante os anos que o autoproclamado Emperador viviu, publicou diversas proclamas, entre o ridículo ao visionario dun futuro inminente, como cando mandou construír un ha ponte entre San Francisco, e Oakland, xusto por onde hoxe en día pasa o famoso Golden Gate.
A realidade é que este tolo, chegou gozar dun recoñecido prestixio, e gañou día a día o respecto e agarimo dos seus conveciños; e contase entre as anécdotas mais carismáticas do tipo, a orden para abolir a compañía ferroviaria, por ter a desfachatez de non convidalo a xantar gratis nun dos seus vagóns..Por suposto que a compañía tan pronto tivo novas desta descortesía para co seu emperador, convidouno de inmediato.
Como é normal emitiu a súa propia moeda, billetes que hoxe en día alcanzan nas casas de poxas enormes sumas, pola súa rareza e escaseza
Ao estallar a guerra civil americana, escribiu convocando a unha urxente reunión tanto a Jefferson, presidente da Confederación, como a Lincoln, para mediar no conflicto e como ningún dos dous compareceu, ordenou o alto o fogo, ata que fora el mesmo quen tomara a decisión oportuna sobre a contenda, e coñecido por todos o pouco caso que lle fixeron, por desgracia.
O emperador de estados Unidos, e protector de México, gobernou durante 21 anos, sempre viviu en San francisco, chegando a ser unha atracción turística, ata a súa morte o 8 de Xaneiro do 1880, e a súa tumba costeada polo Concello da cidade, ten a seguinte lenda..”Emperador dos Estados Unidos e Protector de México”.
O Emperador Norton, non matou a ninguén, non roubo a ninguén, non se apoderou da patria nin da terra de ninguén. Da maioría dos seus colegas, non se pode facer a mesma afirmación...Tal e como rezaba a nota necrolóxica que remataba o relato da asistencia ao funeral e pasamento do primeiro e único emperador dos estados Unidos, ao que asistiron mais de trinta mil persoas.
Non moitos podemos esperar a mesma concurrencia.
Angel Utrera.

-Artigo publicado na miña serie AO PÈ DO FARELO, do Faro de Vigo, o pasado mes de noviembre 2010.

Comentarios

Entradas populares