LUZ PICHEL.-(Cativa en su lughar/casa pechada.)
Dentro do Seminario Euraca de poesía, que se está a celebrar en "Matadero", Madrid, vaise presentar este meu novo libro, Cativa en su lughar/casa pechada. Está
editado na colección "diminutos salvamentos" da editorial "progresele".
Xa sei que algúns non ides vir, desde Galicia, pero gústame
comunicárvolo. Por confianza, e por cariño, permítome ademáis contarvos
algo que, en calquera caso, queda mellor contado no propio libro:
Cando Eva Chinchilla e Jorge
Luis Morales me propuxeron unha edición
bilingüe de Casa Pechada en castelán e galego,
pensei de seguida en utilizar o
castrapo como lingua da tradución. E iso por máis dun motivo: o
primeiro, que o
castrapo permitíame traducir contidos, olladas, mundos que de outro
xeito non
quedaban transferidos ao castelán. Ademais,
o feito de escoller unha lingua de fronteira e non normalizada dábame
unha liberdade creativa moi grande. Facíame falta esa liberdade para me
remover dentro da miña escrita,
quería escribir algo distinto do que escribira no 2006 (esa é a
vantaxe de autotraducirse): quería afastarme da tradución
literal, tomar como punto de partida o libro base e fuxir, quería que
mediaran
entre os dous libros a distancia temporal
e outras distancias persoais e sociais. Pero ademais, no
"lughar" fálase castrapo como segunda lingua, cando parece preciso;
segunda lingua
aldraxada. Parecíame moito mellor estar con eles, usando esa súa lingua
que tamén foi miña e me fixo sufrir,
facela valer (tentar de facelo) nun libro de poemas ca
usar o castelán, unha lingua limpiña que, como todas as linguas
gramaticalmente e politicamente
correctas e ben vistas, son linguas atravesadas polos fíos de serra do
poder, ferramentas cortantes. Neste intre histórico non está de máis
rebelarse contra a
norma que en todo se nos impón cada día, coller postura. A poesía, ben
sabedes, expresa a súa rebeldía no xeito en que usa as
palabras. Por iso foi.
Pásobos un "link" co "findologos" que escribiu para este libro a poeta María Salgado e outro cunha selección de poemas do libro.
Para
os que andades por Madrid, compañeiros do Bilbao, etc. tamén vos
comento que o seguinte mércores, día 30, haberá unha sesión de traballo
sobre este libro no Seminario Euraca , no mesmo espazo ca o da
presentación. Será ás 7 da tarde. Estou segura de que as vosas achegas
ían ser moi ben acollidas.
Comentarios