NA CASA GRANDE....

 NA CASA GRANDE
 
Na casa grande
coma nun baúl sen fondo
de muros en hedra transformados
que avarentos atesouran os silencios do pasado
e as nosas risas,
gardamos en branco e negro
estimas e recordos
soños e fantasías
medos e xogos doutro tempo xa perdido.
Na casa grande
a figueira non ten froito
o murmurio da fonte fálanos paseniño
e cóntanos en segredo do baleiro dos nosos
así dun xeito doce e morno
danos razòn dos ausentes
dos pasos perdidos trala carballeira dos mortos.
Na casa grande
a maceira regala xenerosa os merlos
o seu ventre preñado
vermello e sobranceiro
de nai, de terra ; cinza e lama dos tempos.
Na casa grande
a porta de castaño nobre
está pechada ao vento nordés
e mira o fronte agardando a nada,
no fondo do patio as ventas quedaron mudas
e ninguén vai botar unha ollada  xa
cara  fora albiscando  quen chega.
Na casa grande gardamos
O verde nos prados
O ocre dos montes
O gris deste tempo de esquecemento e fuxida
cara ningures
As arbores inevitables.
Os días perdidos en ausencia de futuro
desta vida que vendemos
nesta noite interminable.  



Comentarios

Entradas populares