ENVELLECER. LEI DE VIDA.

AO PÉ DO FARELO ENVELLECER, LEI DE VIDA. Envellecer é sentir que ímonos facendo invisible lentamente, case que sen decatarnos molestamos a todos, en tolos lugares e a todas horas. Os vellos resultan molestos e inservibles porque dan traballo e produce repeluz. Envellecer é estar e sentirse sempre e a todas horas cansado sen saber a razón nin o motivo. Ter consciencia das túas limitacións físicas e mentais e da fraxilidade dos teus recordos pasados, decatarse que xa non es aquel que sempre fuches e que non recoñeces no espello abafado do baño cando te miras nel. Envellecer é camiñar sobre o fío da navalla de perderte para sempre no baleiro da nada, ou aínda peor deixar de ser, para tan so vexetar nun curruncho esquecido dalgunha residencia, asilos mortuorios onde agardar polo final.
A nosa vellez empeza a ser unha realidade tralo instante seguinte no que descobres cos teus soños, aqueles de sempre e sempre incumpridos, convertéronse nunha delicada porcelana chinesa coa que adornar unha estanteria de vellos e empoados, coma ti, libros, entre cuxas follas amarelentas quedaron atrapado para sempre xamais aqueles soños e ilusións que foron quedando polo camiño da vida. Envellecer é facer mutis polo foro, despedíndose de todo o que fuches conseguindo con tanto traballo e esforzo, e que agora carece de sentido e importancia, cousas inútiles, porque o único que de verdade importa é vivir, e apurar cada instante coma se fora o derradeiro.
Envellecer é arrepentirse do que fixemos, e do que xa non poderemos facer xamais, dos éxitos, os fracasos as decisións oportunas ou erróneas, porque vivir é ir tomando camiños descoñecidos neste labirinto diario no que permanecemos atrapados coma un Teseo mitolóxico mais. Envellecer tamén significa ter moitas experiencias vividas e ter desfrutado delas, sen anclarse no pasado, pero sabendo que está aí. Significa ter feito amigos o longo da vida e desfrutado e desfrutar deles, os que aínda nos acompañan, e dende logo despedir e despedirse. Envellecer, como dixen ao principio desta miña reflexión, é facernos invisibles para os demais, pero nun absurdo paradoxo, moito mais visibles para nos mesmos, conscientes do que somos e fomos, plenos de sabedoría e experiencia, aínda que sexa desaproveitada nas mais das ocasións, polos que terían que beber e aprender dela, para non cometer os nosos mesmos erros, unha e outra vez.
Envellecer e acercarnos a morte, ou tal vez a outra vida, Eu nolo sei, pero si sei que imos en sombra, a escuras cheos de engurras e feridas co paso medido e as mans temorosas de vida. Din os que saben moito mais ca min, que envellecer é “Lei de vida”, Quizais. Quen sabe. Angel Utrera. ARTIGO DE AO PÉ DO FARELO, PUBLICADO NO FARO DE VIGO DEZA O DIA 31 DE AGOSTO DO 2026. https://www.farodevigo.es/deza-tabeiros-montes/2026/08/31/envellecer-lei-vida-133787232.html?utm_campaign=mrf-facebook-farodevigo.deza.tabeiros&utm_source=facebook&utm_medium=social&mrfcid=202608316a8d888712abbb617a9d0517

Comentarios

Entradas populares