A MORTE DOS PAIS.
A morte dos pais marca un punto de inflexión na vida da xente. Significa unha ruptura definitiva coa nosa nenez perdida e a chegada inevitable a unha vía morta, a unha rúa sen saída, que nos deixa orfos da realidade dos recordos que eles atesouraban e cos que nos deleitaban ás veces, sempre menos das desexadas, xa que case nunca temos tempo para escoitalos.
Despois, cando xa non están con nós, botámolos en falta de vez.
Mentres eles viven, sabemos que están aí e, de cando en cando, imos velos, a darlles un bico e unha aperta máis ou menos agarimosa, segundo cada un de nós sexa de cariñoso.
As persoas somos máis ou menos efusivas cos nosos seres queridos en razón dos lazos aprendidos co biberón e co leite mamado nos peitos da nai, e que cos anos se van concretando na alegría de vivir ou na tristura dos desgraciados.
Todas as cousas se fan polo amor e polo afecto, polo cariño e pola atención que recibimos e devolvemos aos demais co tempo. É lei de vida.
A morte da miña nai, polo que de adeus definitivo ten, significa rachar con todo iso que, aínda sen ter conciencia del, sabía no meu subconsciente que tiña. E alí estaba, para min e para os meus irmáns.
E aínda se volve máis dolorosa cando nin sequera puiden despedirme dela cun derradeiro bico de fillo.
O outro día, alí só, no cemiterio, mirando para a súa tumba, boteime a chorar desconsoladamente, non tanto por ela, senón pola certeza da soidade na que sentín que quedaba. E deixei que saíse fóra de min todo o que nestes días fun gardando dentro, para non demostrar os meus sentimentos, a miña debilidade ante os demais.
Acariciando as letras da súa lápida, onde repousan os seus restos mortais para sempre —¡canto tempo e sempre!—, xa sei que ela non está alí, nin en ningures. Pero non puiden reprimirme por máis tempo e, coas bágoas que nubraban os meus ollos, busquei o seu perdón, como cando era neno e facía algunha trasnada, por non ter podido ser o fillo que ela quería.
Ás veces, a maioría delas, dámonos conta das cousas cando xa non hai tempo para arranxalas, nin hai remedio.
Xa sei que non fun un bo fillo e, polo tempo que aínda me quede, cada vez menos, terei que cargar coa dúbida de se ela me quería así como son ou esperaba algo diferente de min.
A súa imaxe na cama do hospital, chea de tubos e cables que a mantiñan pendurada dun fío a este mundo terreal e estúpido, martirízame, e terei que vivir con ela por máis que me pese.
E agora o que me queda é tan só esa imaxe e o último «ata logo, fillo», da súa voz, a través do teléfono, a derradeira vez que falamos.


Comentarios