LONG PLAY (LOIS PEREZ).



Coñecín a Lois Perez, hai anos, na Eira da Xoana, en Ramil (Agolada), nunha noite fría na que estabamos a celebrar o Solsticio de inverno, organizado polos amigos de ADEGA. Compartimos un vaso de viño, un anaco de tortilla de patacas e algún que outro pincho de chourizo da casa, entre palabras, que foron ao principio mais ou menos triviais, e de cortesía, entre dous descoñecidos e pouco a pouco mais intimas e agradables, como non podía ser doutro xeito, entre tímidos amantas da poesía, aprendices de moito e mestres de nada, alo menos no meu caso e atrapados pola necesidade do dialogo e intercambio de opinións.


 Baixei xusto aquí onde remata o verso
e onde a última bágoa seca ao sol do invisíbel
cando adormece o poeta e remata o blues
aquí onde as palabras coas cartas boca arriba
nomean a realidade tramposa que non é máis
ca orde do rei pero agochan a outra cara
aquí onde escribir é acender a lámpada no escuro
e iluminar máis aínda a escuridade
que é un home que apaga a luz ás escuras
aquí nas esquinas pobremente iluminadas do día
no redobre de tambores da liña tachada
onde remata o filme e patina a nosa historia
desesperadamente aquí onde transcorre a vida
e comeza o verso esquecido aos nosos ollos
aquí onde non puido ser onde xa se verá
no saber aprendido que salva o noso día
que non se prega ao espazo e ao tempo
onde sobe de ritmo o Midnight rambler
aquí estou copa en alto petando coa culler
coma un brideiro na festa da néboa
xusto aquí onde comeza a poesía.
《 Long Play 》 de Lois Pérez




Ao cabo, este facedor de historias, foise transformar completamente nun feitizo sorprendente no que pasou de un estado mortal, ao etéreo dos artistas, capaces da abstracción mais absoluta, cando foi o seu turno de actuar,  conquistando os corpos e almas dos que o escoitabamos  sentados nas tarimas e bancadas de madeira do salón de actos desta Eira da Xoana, onde durante case unha hora, contounos a grandes e pequenos de todo o humano e divino; lendas, contos, chistes, as pequenas grandes cousas da vida, da que el é mestre. Contacontos os chaman, Eu mais ben diría narradores mestres da tradición e o coñecemento popular oral, capaces de facer maxia coas palabras.
Agora, tempo despois seica deu un paso mais, e como non podía ser doutro xeito púxose facer maxia coas palabras escritas. O seu devagar polas follas en branco de calquera caderno, mudaron por arte de maxia en algo, indefinible, sorprendente, apaixonante no que caes como se foras Alicia (A de Lewis Carrol), cando entra no burato da arbore na procura do Sr. Coello branco e quedas atrapado como dos fíos dunha arañeira, porque Lois ten algo moito de Meiga, de Moura, de Trasno que trata e consigue que non sexas quen de deixar os seus poemas estruturados baixo os sons, os silencios, as miradas, os enigmas de calquera deserto, dunha illa, dun burato negro no firmamento, ou dunha rúa mollada de calquera das nosas cidades, esas mesmas de cemento, asfalto e ferro enferruxado na que Long Play mergulla e lévanos da man, como se doutro Frautista de Hamelin se tratase, cara o precipicio dos soños, as esperanzas, as vivencias, os fracasos, desa vida que todos e cada un de nos vendemos, pero da que as veces non somos conscientes, e Lois nos pon diante dos ollos, sen medias verdades, nin falsas mentiras.
Long Play é unha viaxe as Itacas libertarias de cada quen, sen medos nin tapuzos, porque a poesía ten que ser quen de dicir en ocasións que temos a necesidade de ser valentes, libres, e nunca prisioneiros, do aburrimento, da rutina, dos mercados consumistas nos que nos consumimos grises tristemente. Lois Pérez sabeo, e xoga por elo cos concepto, coas palabras, cas imaxes, dun xeito inverosímil e descarado facendo dos monólogos un soliloquio impersoal, intimo, sensual e descarnado, unha metáfora de luz, de cancións tristes, e letras alegres, poesía en estado puro, autentica e nada artificial, porque non sabería como facer algo que non fora innovador, creativo e simplemente rompedor de moldes e convencionalismos, tal é como el mesmo é.
L P, (Long Play ou Lois Pérez), quizabes Lírica poética, quen sabe, é un compendio, un tratado, un dicionario no que resulta obrigado perderse para desenmascarar ao  escritor agochado baixo o traxe de "conta contos", ou quizabes ao cantante frustrado, ou musico carente do don do ritmo, aínda que seguramente ao final este poder sedutor de Lois, sexa o que coma un imán atrae o lector que busca, e busca, sen descanso entre versos o poema perfecto, o poema redondo, o poema total, para ao final darse conta que todo o libro, todo este long play tanto pola súa cara A, como pola cara B, resulta unha obra de arte, única e absoluta, no que un poema lévache a outro, e outro, e un mais.
Este contador de historias da Piringalla, nacido en 1979, defende, porén, que a chave das noces está na sinxeleza, un propósito que guía o poemario ‘Long Play’ (Xerais), tal e como conta a xornalista Marta Veiga, do Progreso de Lugo, na critica literaria co que nos agasalla desde a súa columna deste Long Play de Lois Pérez, que xa é de todos nos.
 Hai uns catro anos, Lois Pérez subiu ao escenario do Clavi «vestido de Marcial Dorado» e rematou a actuación cunha oferta para publicar un libro. Naceu daquela ‘LP’, editado por Emerxente. Confesa o autor que dos 97 poemas de ‘LP’ rescatou unicamente once. «Salvei aquilo que pensaba que merecía ser salvado, esas once pezas que no momento actual falan do que eu son, expresan como vexo eu o mundo, o que me divirte, o que me entristece, cunha linguaxe sinxela e directa».
Aínda non lei definitivamente o poemario, vaia por diante que dou por suposto que todo os amantes da boa poesía facemos o mesmo, imos debuxando os poemas verso a verso, lendo e reléndoos dúas, tres veces, polo que resulta absurdo lerse o libro dun tirón, aparte de un acto de vilanía intolerable, pero  desta primeira lectura teño claro que long play vai rachar cos estereotipos de que a poesía ten que ser fría, gris, triste e pesimista, porque con Lois, iso vai resulta mais que imposible, neste e os sucesivos poemarios que sen dubida imos ter no futuro.
Angel Utrera

.    

Comentarios

Entradas populares