VAZQUEZ PINTOR


.M.P. / CANGAS O nutrido baúl de premios de Xosé Vázquez Pintor ven de incrementarse nos últimos días con tres novos recoñecementos. O escritor de Melide, asentado en Cangas, acaba de chegar de La Habana, onde foi convidado á presentación do libro "La memoria que reconstruye un mundo", froito dunha tese doutoral sobre a súa obra realizada por Yanelis Velazco, profesora de Crítica Literaria na capital de Cuba. Pintor partiu para ultramar coa ledicia de que recibirá a letra `E´ da Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG) pola traxectoria "longa e consolidada" deste "gran poeta e narrador", e ó aterrar en Galicia atopouse nas librerías cos exemplares de "Para dicir abril", premio Vicente Risco de Creación Literaria 2007.Está a ser un febreiro de "enormes satisfaccións", recoñece o autor, que xa conta con galardóns literarios como o Premio da Crítica Española, Eduardo Pondal, Torrente Ballester, Esquío, Uxío Novoneyra, Carballo Calero ou Cidade de Ourense. Importantes premios que para Vázquez Pintor representan "a grandeza e a tristeza da miña situación: a grandeza de gañalos, e a tristeza de que non teño outros medios de acceder ás editoriais" se non é gañando premios.Son as consecuencias de "ir por libre" e de tentar "facer os libros que quero facer", como é o caso de "Para dicir abril". Un traballo que afronta o cinismo e a hipocresía arredor do mundo lésbico. "Os homes asumimos mellor a homosexualidade masculina, porque así temos menos competidores, pero resúltanos moi difícil de afrontar que unha muller fermosa se nos escape da manada porque é lesbiana", explica el. Mañá estará no Auditorio de Ourense para presentar o libro acompañado da catedrática de Filoloxía Camiño Noia e do editor Olegario Sotelo Blanco.Mais Pintor trae a alma marcada pola recente visita a La Habana, xa que non é común que unha profesora cubana sen vínculos previos con Galicia se decida a estudiar a obra dun autor galego e mesmo a facer unha tese doutoral e un libro sobre el. "É un orgullo que me elexira a min", recoñece, mentres repasa momentos que compartiu con Yanelis Velazco, Pablo Milanés ou Nicolás Guillén.Outra das homenaxes que lle agardan a Pintor é a da Asociación de Escritores. Será en Melide o 7 de xuño coa plantación dunha árbore e a inauguración dun espazo público co seu nome. Entrará así nunha lista de autores no que xa está o cangués Bernardino Graña.

Comentarios

Lapis-vermello ha dicho que…
Hoxe coñecín ao teu fillo, estivemos falando, parece simpático. Bicos,

Entradas populares