O DISCUTIDO PREMIO DE PITI SANZ.
O “discutido” premio de Piti Sanz
Un dos momentos máis singulares da gala dos Premios Mestre Mateo da Academia Galega do Audiovisual foi o acto de entrega do premio ao mellor videoclip ao músico Piti Sanz. “Eu non fago videoclips, eu fago cancións e como quero colgalas en youtube fago fotos con teléfono e roubo imaxes de internet”, dixo o músico e abriu a caixa dos tronos.
O discurso de Piti Sanz ao recoller o premio ao mellor videoclip para “Canto de Sirena” levantou tanto entusiasmo como ampolas. “Eu non fago videoclips, eu fago cancións e como quero colgalas en youtube fago fotos con teléfono e roubo imaxes de internet e logo monto todo xunto e podo colgar en youtube a miña canción que é o que realmente fago”, dixo sorprendendo a todo o auditorio e mesmo ao público que asistía á gala a través da retransmisión televisiva. As súas palabras sentíronse aínda máis chamativas ao se ter destacado Piti Sanz como un defensor dos dereitos de autor dentro da SGAE.
“E agora que fago eu con isto?” continuou o músico para reflexionar logo sobre a relación entre creación e os avances tecnolóxicos. “A tecnoloxía está invadindo, superando a imaxinación. E ao mellor ese é o toque de atención que hai, a tecnoloxía está indo a unha velocidade terrible e a imaxinación está quedando daquela maneira”, dixo Sanz, posibelmente sen adiviñar que a súa ía ser a intervención máis polémica de todas as categorías de premios entregados, precisamente, por membros da Academia Galega do Audiovisual, é dicir, profesionais da creación televisiva e cinematográfica. A polémica dilatouse con intensidade nas redes sociais, con opinións detractoras e favorábeis ao premio do músico.
"Canto de Sirena"
“Canto de Sirena” de Piti Sanz competía na categoría con “Acción-Reacción” de Machina, “Fábula” de Juan Dorá e “La primeira vez”, de Inculpados. Tan só un par de días despois da entrega dos premios, o músico decidiu borrar os comentarios da súa páxina de facebook, “estanme fritindo”, dixo e dispúxose a explicar a concepción do seu traballo na propia páxina de youtube na que está publicado. “”Este vídeo é un experimento con fotos que se van transformando paulatinamente en debuxo, cun efecto descuberto de casualidade facendo PingPong. E ten unha canción gravada cun notebook por experimentar co máis sinxelo”, explica.
“Aos que se queixan, que falen cos votantes”, conclúe o músico, remitíndose así aos membros da Academia Galega do Audiovisual, que foron quen decidiu premiar a peza que Sanz pendurou en youtube cunha canción en español e a súa montaxe de fotos.
Piti Sanz está nesta tempada cunha xira de presentación do libro e cd “Cuando ríes”, de “Los Contentos”, a banda que se define como “malditos pioneros del Garage”. Fundou, canda Luís Tosar o grupo The Ellas, e ten unha ampla experiencia no traballo de bandas sonoras, tanto para cine como para teatro. Da súa autoría naceu a música de filmes como “18 comidas”, “Entre bateas” ou “La noche que dejó de llover”.
--CRONICA NO XORNAL DIXITAL SERMOS GALICIA, DA ENTREGA DOS PREMIOS MESTRE MATEO AO MUSICO PITI SANZ).- .......
Comentarios