NA SOIDADE DA NOITE.....







Na soidade da noite
Camiñaba a escuras, acochado polo silencio negro da noite doce, mais un intenso medo oprimía o seu peito e atenazaba na gorxa un berro quente que loita por saír a pesaren dos esforzos que o home de auga facía por controlalo. Sentía os latexos do seu corazón golpeando enfebrecido contra a capa protectora do peito e as costelas,  demandando a bocaladas mais e mais  oxixeno para manter o seu ritmo entolecido, coma un pez fora da auga que està a piques de morrer de asfixia.
Aquilo era medo. Autentico e real medo o descoñecido. Tiña medo porque o ignoraba todo. Non sabía onde estaba, descoñecía totalmente onde ia,  ignoraba que estaba a pasar no seu entorno de sempre. Sabia que o medo o envolvía e facíalle incapaz de pensar e sentir con claridade. Atopábase en poder dun mecanismo vital de autodefensa, incontrolable e   imprevisible que dependía totalmente de reaccións químicas automáticas do seu organismo en función das descargas eléctricas das neuronas sobre os músculos do seu corpo, e os esfinteres incapaces de conter as ganas de evacuar, aliviar o corpo para seren mais lixeiro e volátil e poder fuxir axiña, da ameaza descoñecida .
Medo a escuridade, medo a noite a ceo aberto e sen o teito protector da súa casa, trala porta pechada que o protexía daquelo que quedaba agochado nas sombras, alí , no mais alá descoñecido, fora o que fora.  
Medo, porque nunca antes vira a noite como agora so contra ela,  ao raso, e o ceo infinito en negrura extrema sobre a súa cabeza.Tan so coñecía esta realidade ata entón a través dos cristais abafados da ventá do seu dormitorio, no que se podía sentir a salvo daquel frío asasino coma un coitelo pendurando sobre os incautos que quedaron sen a protección  e o resgardo das pedras das casas,  contemplar as estrelas alí postas nese enorme burato negro e escuro que atrapaba e roubaba o brillo da súa ollada curiosa.
Botaba de menos os sons familiares , os de sempre, aqueles que lle chegaban primeiro que os soños; unha porta ao pecharse, o auga correndo polas tubarias cara a cisterna do water, a voz e os murmurios dos pais falando no dormitorio contiguo o seu, unha tose ao lonxe, o ultimo miaño do seu gato no coxín .Todos eles o facían sentirse alguén, querido, seguro, protexido e a salvo de calquera mal estraño. Non estaba so, e todo esas rutinas cotiáns o transportaban pouco a pouco en tenruras e agarimos ata as sombras dos soños no que caia placidamente. Pero agora todo resultaba perigoso, diferente, novo e terrible. Sentíase so, estaba so, e aquela era a noite tal cal, coa súa dura realidade, coa súa insondable ameaza dun baleiro inmenso que o facía ser pequeno, moi pequeno e sentirse perdido, absolutamente desvalido e perdido baixo a bóveda celeste nesta  negrura de medo e soidade.

Cala e camiña, cala e camiña, cala e mira ao fronte, un paso, outro, cala e camiña polo sendeiro escoitando tan so os seus pasos inseguros e vacilantes, comprendendo como o invisible pode embozar os sentidos, e ten saudade da luz do alba, que lle ha dar de novo a posibilidade do corpóreo, o corporal no que tocar,  ver e sentir a dureza das pedras, o frío e a calor, o húmido e o seco, a terra, a madeira, a lama que pisa no sendeiro que ascende cara a nada envolto en medo, atrapado no medo, convivindo no medo da escura soidade, na que o invisible o une e sostén ao fío da vida, como tenaz combatente na procura eterna do irracional e invisible, na soidade do se consigo mesmo na escura noite de pedra.           






Comentarios

Entradas populares