SOFIA.(MOITO MAIS QUE POEMAS DE SUSO DIAZ).



A apertura dunha librería resulta sempre unha moi boa nova, aínda mais cando esta mesma intrépida aposta ten coma especialidade a "Poesía";case que nada nos tempos que corren de miles e variadas escusas para non acometer o heroico acto de coller un libre entre as nosas mans e soñar. Por iso esta aposta valente ten o meu recoñecemento e gratitude e os mellores desexos para esta rapaza nova Alicia Fernández que xunto con Eduard Velasco se lanzan a aventura desta "CHAN DA POLVORA", na rúa San Pedro num. 74 de Compostela, onde acudín onte a tardiña dando de paso un fermoso paseo polo meu Bonaval da saudade e morriñas mornas de devagar, na procura do ultimo poemario deste sorprendente SUSO DIAZ.- Sofia, a quen coñecín grazas as redes sociais, e posteriormente  persoalmente co gallo da presentación do libro homenaxe; 6 poemas 6 de Federico Garcia Lorca, na librería Couceiro de Compostela , do que foi coordinador xunto con Helena Villar Janeiro.
Xa mo dixera Helena ;- "Angel ; Sofía vaiche gustar moito", e abofé que acertou.

Dicir que un libro é malo, ademais de ser un exercicio de fatuidad vacua e unha presunción estúpida, home si, recoñezamos que efectivamente hainos bastante malos, mesmo moi, pero que moi malos, aínda así, a min me  resulta difícil, mais ben imposible, queimar un libro, como na novela de Ray Bradbury, Fahrenheit 451,- xa o dixo na súa novela "Os libros arden mal", Manuel Rivas-, porque non atopemos atractivo ningún; nin na súa historia, nin na atmosfera, nin na capacidade de recreación ou creación histórica, no tempo narrativo, no lugar onde transcorre a acción, nos personaxes, nin tampouco no ritmo, nas palabras e a súa construción léxica, que sei Eu, porque un libro é moito mais que un montón de letras ordenadas nunha secuencia lóxica e cunha construción comprensiva, é por suposto a capacidade de transportar ao lector, e facerlle cómplice co autor, do resultado final daquela ou esta historia.
Digo isto, como preámbulo, porque efectivamente libros de nula calidade, ou malos, como as Meigas, habelas hainas, e algúns malos rematadamente , por iso cando un ten a sorte de atopar algo bo;Meu Deus¡, abride de par en par as portas do Paraíso, o mundo dos soños, das fantasías, dos recordos, do vivir, esta fermosa vida que cada un de nos vendemos como sabemos ou nos deixas¡.
SOFIA , é sen lugar a dúbida un excelente poemario, un marabilloso libro de poemas, que fago meus......"Cumprir 20 anos é abrir un novo vieiro, difuso ao comezo, mais real visto dende a distancia que debuxa a suma de vida.
As veces o exercicio de pensar non é suficiente para reter o que é recordo, momento vivido, tempo prescrito ".
No Limiar xa Suso Diaz  danos unhas pinceladas precisas do que agarda o lector, privándonos da sorpresa que agarda por nos todos no interior destes vinte poemas que resulta seren Sofia, e construíndo a ponte necesaria para que pasemos ao outro lado e comecemos a saborear verba a verba, son a son, paso a paso o devagar no interior do ar desta congostra máxica de vida. "Unha sorte de tempo compartido, sentido coa intensidade que todo asolaga a enorme enerxía de Sofía".
Realidade encantada que pouco a pouco vaise espindo nos vinte poemas que sonche Sofía, levándonos da man a terra do amor e da vida compartida."......  Chamabas pola vida/naquel comezo de novembro,/naquel descoñecido outono....(Do Poema Novembro).Os ollos, os teus ollos./Todo se concentra/ nese intre no que nos vimos/por primeira vez,/para sempre. (Do poema Ollos).  As mans, as túas mans,/pousadas na densidade do ar,/na fondura dun océano perdido,/por descubrir,/pousadas en min. (Do poema As mans). Falamos en silencio,/ ollándonos ,/esbozando o noso sentir./Sobran as verbas para dicirnos,/para ferirnos/.O silencio compón/ e descompón/.As nosas razóns tantas veces sen razón.(Do poema silencio). A vida é un verso que se conxuga/en cada instante/.Just dance, gonna be okay./As ilusións son reflexos de luz/na túa cabeleira de escuma.( Do poema Just dance).      

Sofía, é un canto a vida, un berro ao amor, unha encomenda e un recoñecemento cheo de saudade e tenrura, un agasallo eterno que o pai lle fai os vinte anos a súa neniña, a súa Sofia muller, en forma de poemas, musica e harmonía;  a par que tamén nos recompensa cunha profunda ledicia por ter a sorte de poder compartir o teu tempo, o noso tempo, o seu tempo, o tempo vivido de Sofía, co mellor que cada un de nos puidemos xamais imaxinar; un fillo, unha filla.
Sofía é o libro de poemas que a min particularmente me gustaría ter escrito se tivera a capacidade literaria e poética necesaria e precisa, da que Suso Díaz posúe a raudales e xenerosamente.




ANTES DE TI

Nada hai no olimpo dos días, antes de ti.
Tempo sen conxugar,
procuras nos baleiros das procuras,
pensamentos na cerna dos pensamentos,
voces no silencio das voces.
Somos un fragmento de tempo
conxugando no ar da memoria,
un encontro na eternidade dun segundo.
Es a vida que me leva máis alá da vida,
o que fica aceso no río do querer....






SOFIA.-

O alicerce máis profundo é o pensamento,
o entendemento nidio de cada pensamento.
Erguer o esqueleto dunha vida
semella o voo certeiro na linguaxe da abella,
unha sorte de lucidez no sinuoso
camiño por recorrer.
Medras coa ermura envolvente
da pedra de Compostela,
coa sabedoría da choiva
que esvara silandeira
ao seu destino de plenitude.
Medras coa cobiza da verba
na dozura da boca herdada,
coa fortaleza dos carballos
no Bonaval dos sentidos.
Medras ceibe,
porque ceibe é Sofía
-sabedoría-.

(Angel Utrera). 


Comentarios

Entradas populares