O POTE DO OURO. (CALROS SOLLA)

CALROS SOLLA E SEU “POTE DO OURO” (Edicións Morgante 2022). Onte a tarde puidemos asistir e desfrutar da maxistral exposición que o mestre e investigador, que entre outras moitas virtudes e cualidades atesora a raudales, o escritor CALROS SOLLA, baseada na presentación do seu novo libro O POTE DO OURO, que grazas a mediación do Seminario de Estudos do Deza, se nos presentaba en Lalín, no Museo Ramón Mª.Aller, da man dese outro monstro da narración oral, os contos e as lendas do Pais, como é o mestre Xoán Carlos García Porral. Sen dubida teño para min que dous dos mais grandes no coñecemento e divulgación das lendas de Mouros, tesouros e Meigas, da que tanto temos aínda que aprender. Durante algo mais dunha hora, Carlos Solla, nos sorprendeu falando, non de tesouros agochados, ou de potes fabulosos cheos de moedas de ouro por descubrir, nin tan sequera da vinculación entre os restos arqueolóxicos que podemos atopar espraiados polas terras do noso pais, os petróglifos, as mámoas, os castros, restos dunha desaparecida pero moi rica cultura castrexa, aínda por descubrir en plenitude, porque como ben deixou claro ó longo da súa exposición, o autentico tesouro, non é un brazalete, un anel, un torques, un casco do brillante metal que tantas febres e penalidades ocasionou ó longo da historia daqueles que en ocasións malgastaron e perderon o mais importante, o autentico tesouro na súa busca e procura,; A vida mesma.
Para Solla, o “Tesouro”, de Galiza, non está baixo terra, agochado nesas minas de alcatrán, de prata ou de ouro, que custodian raínas Lupa, Bruxas, trasnos ou Meigas que che fan preguntas trampa diante de profundos buratos que se perden no interior do inframundo, mentres peitean os seus cabelos dourados, agardando polos incautos. O autentico, o verdadeiro tesouro de Galiza é a historia mesma, as narracións de tesouros e buscadores de tesouros que ó longo do tempo quedaron aí dando valor e realce na toponimia dos lugares ós paraxes e lugares mais imposibles, tal e como ocorre no Monte Seixo, e a súa descoñecida porta do Alen, e tantos e tantos os castros da nosa xeografía. Os tesouros son, sen lugar a dubidas, como ben din o autor; os seres mais extraordinarios e sublimes da mitoloxía Galega. Calquera outro nume- feérico, ou diabólico- foi concibido polo estro popular para servílos de avatar, espantallo, séquito ou paladín. Arredor dos máxicos tesouros, enfrancados na súa salvagarda, rebolen mouras, mouros, fadas, serpes, lagartos, demos, trasnos, xigantes ananos.....; e a preservación da súa transcendental integridade é leitmotiv nos contos da tradición oral.
Foi Álvaro Cunqueiro quen mellor soubo transmitirnos a importancia destes tesouros deixando claro que “O mellor xeito de atopar un tesouro é sempre buscalo”. Polo que cumpre ao bo cacheador investir tempo é actuar ao despiste, é dicir andar ao cazafello, mais con disimulo, refreando con desinterese e desprendemento as súas reais intencións. E para acometer tan inxente proxecto resulta imprescindible levar da man, e ter como libro de cabeceiro os ensinos do Ciprianillo”, porque non hai dubida como ben nos amosa Solla, en palabras de Cunqueiro; que Galiza é un Pais de tesouros escusados nos castros, asolagados nas lagoas, enterrados aquí ou acolá... O verdadeiro tesouro reside na galeguidade do pobo e as súas xentes, transmitida de forma oral ou escrito ó longo dos séculos de pais a fillos, e cando arrasamos unha mámoa, un castro, un lugar máxico, o que estamos a facer é perder e condenar ao esquecemento a historia aínda viva na memoria dos labregos, deste tesouro agochado como é a nosa historia e pasado, o mellor, o único dos tesouros verdadeiros.
O libro de Calros Solla, vai sorprender a mais dun, e sen dubida forma dende xa parte deste tesouro, este legado que non debemos esquecer.

Comentarios

Entradas populares