RINCONETE Y CORTADILLO.

 AO PÉ DO FARELO

Rinconete y Cortadillo

17.08.2020 | 01:05
Rinconete y Cortadillo

Un dia si e outro tamén vivimos a mesma realidade coma se fora un pesadelo no que os insomnes caen unha e mil veces para a súa desesperación.

Repetimos continuamente os mesmos erros, por activa e por pasiva, uns por acción, outros por omisión, un por deixar facer, outros por non facer nada e todos porque calamos, consentimos e miramos para outro lado para non complicarnos é o que nos condiciona e define como pobo, porque durante séculos nos forxaron a golpes de fusta e látego deste xeito.

Agora a CEE, esa mesma que durante anos era o noso escuro obxecto do desexo e mendigabamos coma o pobre unha esmola a porta de calquera igrexa, nos deixara entrar como membro de pleno dereito dos países democráticos, repróchanos a nosa excesiva dependencia do turismo e advirte que a nosa recuperación vai ser dura, lenta e dolorosa, precisamente porque dependemos basicamente para obter o noso PIB, das visitas dos turistas, que laboriosos como formigas traballadoras durante todo o ano, nos fríos do norte, chegan as nosas praias a despendolarse e gastarse os aforros en farra, furanchos, copas e capas.

E nós aquí máis chulos que un San Luis de palmeiros, entre chiquitos a velos chegar "mister".

Seguimos a ser un país de pillos, onde a famosa lei franquista de vagos e maleantes continúa de rabiosa actualidade.

Un país de Rinconetes y Cortadillos, pícaros espidos criados nas rúas e na que a necesidade de supervivir resulta a única razón cun mínimo de lóxica, colebreando entre os trabucos de José María el Tempranillo, famoso bandoleiro, ou os deslices da "casta", dos nosos días, os de puro e chistera, despacho de moqueta e mesas de caoba, con contas opacas, paraísos fiscais, e bufetes de avogados para a súa defensa, en tanto eles se moven entre o tres por cen de comisións e os agasallos millonarios en B. Que de todo hai na viña do Señor.

Un país onde nos movemos entre os "Okupas", amparados por non sei que defecto de forma en no se qué lei, de no se qué xuíces, campando impunemente coma Pedro pola súa casa, na propiedade privada, que resulta ser sagrada en calquera pais democrático menos no noso e os banqueiros que impunemente se marcan bonus, planes de pensións e retribucións millonarias, inmorais pero legais, en tanto que no limbo da impudicia e a falla de escrúpulos se moven coma gusanos na putrefacción da merda, os listillos de sempre, capaces de facer negocio ata da morte, a enfermidade e a saúde.

Triste futuro tempos por diante cando vemos o que vemos dia a dia entre as sombras das bagoas e a tristura dos que nos deixaron mesmo sen unha despedida e unha aperta de adeus.


Comentarios

Entradas populares