O TEATRO DE PINTOR (II).






De seguido recollo as intervenciòns dos escritores;  CHARO GOLMAR, ANTOM LAIA E DAVID OTERO,  co gallo da presentaciòn do libro de Edicions Fervenzas; O TEATRO DE PINTOR, obras teatrais reunidos do escritor XOSE VAZQUEZ PINTOR baixo un mesmo epigrafe, a arte

da escena, e no que atopamos ilustraciòns dos artistas; Eitor Picallo, Xulio Gracia Rivas, Camilo Camaño Lestido, Jose Antonio Fondevila, Manuel Fragoso e o desaparecido e admirado por todos nos, o argtista de Piloño; Paco Lareo  que o pasado dia Un de Febreiro  foi presentado na casa museo Das Neves, o recinto Feiral dos Pendellos de Agolada, con musica do canta autor Xose Iglesias (Buxan), a a asistencia dun moi numero de amigos, veciños e admiradores, entre os que contamos coa participaciòn do Sr. Alcalde de Agolada, D. Luis Calvo,  da obra do escritor, poeta, esaista e investigador de Melide, afincado hai anos na beiramar de Cangas..






CHARO GOLMAR.-


Presentación do libro O teatro de Pintor
Agolada(Os Pendellos), 1 de febreiro de 2020
Moi boa tarde a todos! Síntome leda de estar hoxe, na Agolada, entre  amigos, a carón de  María e  de Xosé.

Para min dicir  Xosé  Vázquez Pintor
 é dicir creador, dramaturgo, escritor, poeta;
 voz, palabra viva, alento; amigo;
home bo, xeneroso, comprometido,
 transparente, humilde, auténtico.
É debuxar un sorriso sobre o Farelo
e sentir o arrecendo dun limoeiro.
É  escoitar o asubío do vento sobre das fragas
e o rumor do río entre as sobreiras.

É percibir o cálido aloumiño dunha aperta,
é  ver florecer os bicos nas agras da devesa.
É sentir a raizame feita palabra,
na doce mornura da  súa ollada.
É prender  un  lume nas conciencias,
para que os soños  non anoitezan.
É unha refolada, un  relampo de luz,
entre os camelios abertos;
o harmonioso canto  dun pintasilgo
das nosas letras.
É ollar o mar de Cangas polo solpor,
coa terra do medio no corazón.


Neste espazo para a memoria e para a historia, onde escoitamos aínda o rebulir da vida, o rumor da feira perdéndose no devalar dos tempos, é unha honra para min, participar na presentación dunha  escolma teatral e con ela homenaxear a un investigador, a  un poeta, a un loitador das letras e do patrimonio, a un dos dramaturgos máis sobranceiros,  a un MESTRE  que sementou luz e palabra nos nosos eidos.
Dinos Xosé no comezo do libro que   este  é un bocadiño do presente; para nós é fartura,  deliciosa sobremesa, mantenza.


Nesta obra atopamos historias, como di Manuel Lourenzo “que beben das nosas fontes e teñen sabor a tradición, a contos que non morren”. Son historias con alma, cheas de sensibilidade e de compromiso coa terra. Historias sorprendentes acuguladas de maxia, de luz, de poesía e filosofía que transcende. Historias aparentemente inxenuas, pero que convidan á reflexión, á crítica, a espertar do adormecemento colectivo, a liberarse dunha sociedade cínica, sen escrúpulos, que manipula somete e desinforma para acadar  unha ambición sen limites, movida polo egoísmo interesado que domina, asoballa e empobrece.

A súa obra é  un tratado de filosofía de vida, cheo de fe e de esperanza, que nos anima a loitar pola permanencia  dos valores e dereitos  esenciais do ser humano: a felicidade, a harmonía e  o respecto.

 Pintor  utiliza a fórmula que mellor chega á xente, o teatro. A parodia, a  alegoría e o simbólico cobran vida para dar sentido á trama. Os nomes e  as palabras cheas de contido provocan a  reflexión do espectador ou do lector co ánimo de  estimular a reacción dos mesmos.
Son historias que aguilloan as conciencias, retratos  dunha sociedade robotizada onde todo está controlado e onde se merca o silencio das verdades. Relatos que  animan a romper as cadeas do medo.

Textos dunha calidade extraordinaria. “A sombra da memoria” é un sublime monólogo, que nos abraia pola súa expresiva forza narrativa e  lirismo; un  alegato existencial en favor da vida, da alegría, do amor, da inocencia, da amizade, da autenticidade, da verdade e que nos posiciona fronte ao baleiro dunha sociedade de comercio, contra a mentira, contra a falsidade e a hipocrisía, dos que tentan gabear a calquera prezo.



Parabéns por un libro tan ben acaído Xosé e tan necesario, magnificamente  ilustrado por Camilo Camaño Xestido, Xosé Antonio Fondevila, Manuel Fragoso, Xulio García Rivas, Paco Lareo e Héitor Picallo. Parabéns Editorial a Fervenza polo fermoso  traballo.

ANTOM LAIA.-

XOSÉ VÁZQUEZ PINTOR:o meu amigo de Quiám,ou de Melide ou de Cangas;o meu mestre  das palavras,essas que sempre permanecem.
Sendo eu estudante na cidade da muralla,alí onde a amizade era névoa case permanente,certo dia perdin-me na velha livrária "Celta", remejendo nos andeis dei co poemário de "Gándaras".Aquel livro impatou-me como um lóstrego.Aquela portada autenticamente rupturista por daquelas,aquel raparigo de costas cara todos os lugares,cara todos,entre a Ponte de Furelos e a Ponte Vilarinho,em chegado sempre aos carreiros e depois ao mar de Cangas.



Continuou o tempo e a minha curiosidade levou-me a seguer buscando.De "Ida e volta"significou a vida que eu mesmo vivia.O Aberlardo de Berredo com quem eu me topejava nas festas,estava alí,nas idas e voltas da intrahistoria dos homens sábios.O Pintor estava-me levando ao mundo das palavras,das minhas palavras e das minhas gentes.

Passou o tempo e na minha fortuna soubem da vida de Maria e Pintor,sobra dizer, da humanidade do Pintor e da Maria.

Eu som só um leitor, quando a presência física e gorentosa do menino de Quiám,fizo que crescesse em mim ,moito mais,o seu grande labor como artista total.Agora que também sabemos das suas dotes como acompanhante de voz nessa fermosa cantiga,a de esse enorme poeta que é o Benardino Graña,é,o Pintor ainda mais total e moito mais humano,um irmâo nos múltiples caminhos das resistências:

-"Case morto vivín sen coñecerte

aló na chaira seca por absurdas rúas
onde ninguén me soupo dar mornura.
Foi soedade desconforme adentro
e a semente a caír en terra dura.

¿Como hei vivir mañá sen a luz túa?.

O Xosé acompanhante de tantos sóis,de tantos e tantas amigas,de tantos abraços,de tantos caminhos percorridos.

Um ano polo Sam Roque de Melide,na Praça do Convento,ao pé da casa onde  nasceu e viviu algúm tempo,mas a onde volta sempre ,coas mâos nos petos e coa mirada limpa,representou umha obra de teatro com os seus escolares de Cangas.Fiquei abraiado.

Som horas de reconhecemento do artista,do cinzelador das palavras,do costureiro de mil empresas.Mas quero aquí salientar ,com letras grandes,o enorme valor de Pintor e com el de outras gentes que naqueles tempos levarom adiante uns projetos ÚNICOs e NECESSÁRIOs para recomençar algo vital,o TEATRO das aulas às gentes.



Escolares e pintores de ventos ceives,titiriteiros das esceas,músicos das palavras,granitos dos desejos,vimbiadores de cestos nas arelas do país.


Aí,de Cangas para os lugares,de Esteiro cara os acantilados,de Compostela para os subúrbios,aquelas peças para ser vistas polas gentes,aquel TEATRO de VANGARDA.E digo bem,chamo-lhe de vangarda,pois era a necessidade no intre preciso de estar.O olvidado Xosé Agrelo Hermo,o Kukas,o Pintor e tantos outros que por criar vida,derom vida a esta arte tampouco valorada como é o TEATRO(algo que se escreve mas que precisa de lugares para ser vista).
Aí está o cesto com os vimbios case a rematar ou melhor dito,a continuar.Atrás pero sempre adiante aqueles chanços do Carré,do Castelao dos "Vellos non deben namorarse",de "Antroido",do grande Vidal Bolaño,de Artello...aqueles chanços de onte para amanhâ.
E aquel titiriteiro de nome Ramoné Barriga Verde.


Hai um ano num reconhecemento vivo de lareira aquecida e fraternal,presentáva-mos nos "Pendellos de Agolada","ANDARES",permitide-me pois o seguinte,sobre o que escrevim humildemente no livro sobre o amigo:

e já o dizias ,Xosé,terra e pam,dentro das aulas onde as palavras tenhem corpo e nomes própios como esse cantar das carricantas,como os títeres de Barrigaverde,como as carvalleiras seculares,como a música da banda de Merça,como o son das gaitas,como o arrecendo das amanhâs mentres Abelardinhonos contava,por aquel 11 de Julho,que chovera no Sam Benitinho.

Eis o nosso poema ,esses coiros de sapateiros cos que se corriam mil estradas,mil voos

e nos Pendelhos de sempre,e nos Pendelhos e sempre (...)

E ti Xosé,companheiro dos destinos.abraçando -nos sempre ,nas sobreiras,que nos dam acougo,para desvestir seus corpos como fieis amantes das palavras.


E NOS PENDELHOS,este 1 de Fevereiro,os amigos e amigas,e ti e Maria;e o teu TEATRO magnificamente recolhido nesta obra:"TEATRO DE PINTOR",editada fermosamente pola editorial FERVENZA.


A CORUXA. - Espértao
SAPOCONCHO .- Non queiras velo sofrir !
A LÚA. -  Non rí

A coruxa,o sapoconcho,a lúa,afrodiña,o angazo,velaí as esceas da vida,cousas do Pintor.

Estamos pois felices,como el dizia,como o Xosé dizia.

"Nas baiuras do tempo hai dende lonxe unha voz
que nos agarda e soña en berce de familia ".

O neno sonha e medra,e como dizia o Neruda "o homem que nom joga perdeu para sempre ao neno que vivia nel e que lhe fará moita falta"

Pois assim somos,felices tomando a sombra nas sobreiras do Arnego,na falmilia da raiz infinda sobre o sol que nasce.




DAVID OTERO.-

Pois vén luz fermosa feita lúa de fermosos tirabuzóns.

Pois vén a nós para a Candelaria…
Para que se casen os paxariños todos…
Para que o amor sexa quen nos envolva a todas e a todos…
Vén… que aquí hoxe temos un facedor de teatro.
Un compoñedor de teatro.
Un traballador da obra onde nos acoller para vivir tempos e momentos de dimensións inmedibles… por se daren en espazos de marabillosas ilusións, a enormes fantasías,
a realidades certas e atractivas…
discutidas…
e mesmo soñadas.

- Incrrrible…
asombroso…
impresionante.
O teatro….

Que velaí a grandeza do noso fenomenal teatreiro.
un currante fabricante de figuras móbiles…
equilibradas…
colocadas en máxicas suspensións
con palabras de paz que contan…
postas en liñas de expresión en versos…
voadoras tal como pombas de todas as colores…
contemporáneas,
do día,
con sabor a terra…
a  sal do mar
frescas…
e que buscan apaixoadas…
desexos que se debuxen luminosos…
en centos e centos de arcos da vella…
nas fontes das nosas tradicións,
nas ondas do mar de Cangas,
nas nosas modernidades



Eis pois…
o teatro…
E velaí a expresión que nos marabilla.
ohhh…ohhh…ohhh…


Teatro feito á man…da man do noso conductor de emocións,
tecedor de soños.
tal invasión vírica liberadora coa chave primorosa…
A NOSA LINGUA.

E así a excelencia
E así a delicatese…
O teatro do noso.
O teatro de noso.
O teatro.

O teatro posto na palabra e no corpo…
na xestualidade que tanto di…

O teatro…
tal poética visual
música contaxiosa,
baile e danza,
habilidade,
linguaxe e xogo corporal ata límites que nos sorprenden,
mesmo difíciles,
pero que postos en limpo…son verdade…





E niso o mestre de cerimonias…
O autor…
O noso…
O Xosé…
O Vázquez Pintor.
El…
o que nas dez  obras do libro…
todo o conxuga,

El…
mediador de teatro
amador da palabra
normalizador…
que sabedor do que leva entre mans e fai…
pono todo en categoría suprema…
na cercanía…
para colocalo no plano do mellor,
Sempre do mellor…
O humano.

El…
que nas súas dez obras do seus libro…
ponlle corda para que vaian á vez os nosos corazóns
para que no teatro leamos no aire e nos corpos,
con comprensión,
pillados,
e que sintamos a fusión dos espazos e dos tempos.
Todo en bonitísimas complicidades
E na confianza desta compañía,
E outra,
E máis outra,
E máis outra máis.

En Xosé hoxe…
Preside o teatro.
E cantará o merlo.
O xílgaro e o paspallás.

A cotovía…

E con Xosé e nós…
No teatro…
os ventos rexos e os máis delicados tamén…
ben disciplinados pola harmonía da palabra
e nas vidas
coa follaxe do Sobreiral…
nos ecos da casa de Quián…
executarán a compás de nenez e memoria
a melodía da celebración das súas dez obras postas en libro,
armaranlle ás amizades e aos abrazos
non negaremos nada,
pois hoxe O Pintor…
ten que soñar estar no mellor escenario do mundo
e así coa súa obra e a súa palabra contundente…
coa súa vitalidade,
a súa presenza,
a súa enerxía…
transmitíranos…
que o teatro…
tal como arte da rúa…na cadencia da nosa fala…
libéranos
fainos soñar
invítanos á loita,
fainos mover,
aceléranos,
mobilízanos,
chámanos a tomar conciencia…
pois é un punto de encontro
para facerlle unha autopsia ás nosas vidas.

Pois o teatro…
non pretende matar o tempo.
Quere enchelo,
E por iso como fai Pintor…
Hai que poñelo ao servizo do pobo
xa que iso dignifica.

O teatro…
é un desafío ás inseguridades.
Promove a reflexión colectiva.

O teatro non dorme,
e gusta de celebrar como nacen os días novos.

Os días novos nos que salvarnos coas verdades entre as mans…
para levalas aos corazóns.
E facelo como mulleres e homes…
de carne e teatro.





O teatro tutea a vida…
miraa á cara…
cóllea polas solapas…
e de ganchete….



Pois que cousa está máis cerca da vida
co teatro?

Comentarios

Entradas populares