lunes, 17 de abril de 2017

O CASO QUINTANA.( MIGUEL ALONSO).

O CASO QUINTANA.-


Vaia por anticipado que non gusto das novelas, digamos que se encadran no xénero negro, agás as do escritor Sueco,; Henning Mankell, que recoñezo me apaixonan polo que de fracaso, soidade e ambiente xélido transmiten ao lector, que viaxe entre bosques de árbores brancos de neve, noite perpetua, estradas solitarias e cidades escuras e silenciosas, coma a vida mesma e os persoeiros retratados polo autor todos e ningún, no seu inspector   Kurt Wallander, posiblemente tan culpable dos asasinatos como os mesmos  criminais que investiga.
De novo devecía polas incribles especulacións e deducións de Conan Doyle, na man do seu Sherlock Holmes e o doutor Watson, e de cando en vez lía algunha de Agatha Christie, non mais. Pero como todo na vida, hai etapas, e un vai mudando de gusto, e por suposto na literatura tampouco iamos ser diferentes, por moito que nos pese.  .

Agora, tempo despois, hai uns días souben da publicación desta opera prima dun novel escritor: Miguel Alonso que ven da man de Belagua, co titulo "O CASO QUINTANA".
Recoñezo que lanceime a ela cos ollos pechados e leina practicamente en tres dias, o animo mais que magnánimo, xeneroso, porque sinto un especial agarimo polo autor da intriga que se vai desvelando lentamente na novela . Miguel Alonso, licenciado en Psicoloxía, e abofé que no libro  déixanos múltiples pingas dos seus coñecementos do tema, músico con varios discos publicados e con algún que outro premio,  do que tamén fai gala na novela, con chiscos tramposos e apostas compartidas co lector a musica jazz, da que Eu tamén gusto dende sempre;Charlie Parker, Jhon Coltrane, Miles Davis, e da que Laura Mariño, a vinteañera sabichona e repoluda gusta, comparte  e escoita con todos nos, nos seus momentos de reflexión interior,pero tampouco convén esquecelo, como poeta e escritor, tal e como agora neste libro primeiriño nos amosa.


O Caso Quíntana e unha novela negra diferente,  non gusta de escenarios escuros, nin de asasinos sinistros e depravados, nin sequera de inspectores de policías sagaces sabuxos que collen unha pista e van tras ela ata desenvolver o nobelo da madeixa; en absoluto.Ímonos sentir cómplices de dúas raparigas, universitarias que achéganse a Compostela, a estudar Psicoloxía na facultade, por cuxos vericuetos intransixentes, mesquiños y viles de poder e prestixio, corrupción e inmobilismo nos leva o autor da man desenfadada, xuvenil, e sorprendente destas dúas intrépidas investigadoras .
Estamos logo, diante dunha novela desenfadada, áxil, ben documentada coa súa presentación, nu e desenlace milimetricamente estudado, e cunha posta en escena axeitada os tempos nos que estamos e tócanos vivir, e na que Miguel Alonso, está a transmitir non so o devir da historia captando a atención do lector dende a intriga e a empatía que se produce entre o lector e Laura e Sara, senón unha seria critica social do que nunca tería que ser unha universidade, centro sempre da cultura, da investigación, do coñecemento aprendido e transmitido na formación de futuros profesionais, e non un vulgar e corrupto antro de animadversión, celos, odios, e falso poder sexa a costa do que sexa, tal e como queda patente, sen esquecer que se trata de ficción, ou tal vez de realidade novelada . Quen sabe?
 Agardamos pois pola segunda entrega desta nova "Saga", de investigador a modo, que posiblemente vai marcar un antes e un despois na novela negra do noso Pais, sempre que por suposto o autor, atope no seu maxín  o material e as palabras axeitadas para levarnos de novo da man ben agarrados polas calexas de Compostela, e os corredores  e aulas da súa universidade, baixo o paraugas de Laura Mariño e o seu mundo fantástico e introspectivo, tal e como ben fixo nesta súa Opera prima: O Caso Quintana.   

Angel Utrera.