Dentro do Seminario Euraca de poesía, que se está a celebrar en "Matadero", Madrid, vaise presentar este meu novo libro, Cativa en su lughar/casa pechada. Está editado na colección "diminutos salvamentos" da editorial "progresele". Xa sei que algúns non ides vir, desde Galicia, pero gústame comunicárvolo. Por confianza, e por cariño, permítome ademáis contarvos algo que, en calquera caso, queda mellor contado no propio libro:

Cando Eva Chinchilla e Jorge Luis Morales me propuxeron unha edición bilingüe de Casa Pechada en castelán e galego,  pensei  de seguida en utilizar o castrapo como lingua da tradución. E iso por máis dun motivo: o primeiro, que o castrapo permitíame traducir contidos, olladas, mundos que de outro xeito non quedaban transferidos ao castelán. Ademais,  o feito de escoller unha lingua de fronteira e non normalizada dábame unha liberdade creativa moi grande. Facíame falta esa liberdade para me remover dentro da miña escrita, quería  escribir algo distinto do que  escribira no 2006 (esa é a vantaxe de autotraducirse): quería afastarme da tradución literal, tomar como punto de partida o libro base e fuxir, quería que mediaran entre os dous libros a distancia temporal  e outras distancias persoais e sociais. Pero ademais, no "lughar" fálase castrapo como segunda lingua,  cando parece preciso; segunda lingua aldraxada. Parecíame moito mellor estar con eles, usando esa súa lingua que tamén foi  miña e me fixo sufrir, facela valer (tentar de facelo) nun libro de poemas  ca usar o castelán, unha lingua limpiña que, como todas as linguas gramaticalmente e politicamente correctas e ben vistas, son linguas atravesadas polos fíos de serra do poder, ferramentas cortantes. Neste intre histórico non está de máis rebelarse contra a norma que en todo se nos impón cada día, coller postura. A poesía, ben sabedes, expresa a súa rebeldía no xeito en que usa as palabras. Por iso foi. 

Pásobos un "link" co "findologos" que escribiu para este libro a poeta María Salgado e outro cunha selección de poemas do libro.

Para os que andades por Madrid, compañeiros do Bilbao, etc. tamén vos comento que o seguinte mércores, día 30, haberá unha sesión de traballo sobre este libro no Seminario Euraca , no mesmo espazo ca o da presentación. Será ás 7 da tarde. Estou segura de que as vosas achegas ían ser moi ben acollidas.