SEGREDOS DO CORAZON.

SEGREDOS DO CORAZON. Todo o mundo garda no seu corazón segredos inconfesables, dos que desconfiamos, aínda que tamén hai que recoñecer que non sempre estes segredos se agochan no mais profundo de nos con ánimo de mentir ou enganar ou por vergoña. O que nos fai afines e fieis a unha persoa é compartir eses segredos inconfesables, abrir o noso corazón a quen amamos e do que nos sentimos amado, deste xeito depositamos a nosa confianza nel e nos entregamos, quizais por iso doe tanto sentirse traizoado, porque sabemos que o traidor posúe algo de nos, que é moi íntimo e persoal e nos sentimos frustrados por ter amado a esa persoa.
O cabo dos anos, pouco sei e aínda moito me queda por aprender. Poucas certezas quedan en pé despois de tantos desenganos e teño por certo que nunca me sentín tan feliz como cando compartía os meus silencios, unha tarde calquera de outono, con aqueles que amaba en segredo, intima, inocente e dolorosamente. Alí, sentados sobre una pedra xunto do río, baixo as arbores que o vento morbo abaneaba, o cheiro doce da terra mollada resultaba mais natural que calquera agarimo impostado. Si, agora podo dicir sen medo a mentir que nunca volvín sentirme tan feliz como daquela, cando as cousas pequenas marcaban as nosas horas e o tempo semellaba infinito.
Pouco podíamos imaxinar que vivir era iso, apurar cada momento, coma se fora o derradeiro. Beber o derradeiro chospiro de alento, o instante final e definitivo, sentindo con cada latexo do noso corazón liberando o mellor dos nosos segredos; o amor. De aqueles días, xa tan afastados da nosa memoria rescato o recordo dun sorriso brillando no firmamento mentres me preguntaba: Que é o que mantén a ilusión pola vida, o desexo de vivir ou o medo á morte?. Recoñezo que daquela non souben que dicirche, agora, logo de tanto anos compartidos, aínda continúo sen resposta.
Entre tanto sinto que o meu corazón xa non é quen de agochar mais segredos e quizais por iso mesmo teño para min coma un tesouro o silencio, porque sei que nada é quen de superar as súas reflexións, ninguén é quen de manter calado o seu dialogo interior, e cando o corazón desborda de segredos, tan so pretendemos e buscamos refuxio na palabra, como alfinetes que pinchan, agullas cravadas, ou puñais que feren sen piedade.
Palabras amigas atrevidas, misteriosas, autenticas ou mentireiras cargadas de odio. Palabras que pechan portas, marcan camiños, dan sentido ou quitan e mesmo as veces matan ou curan os corazóns en carne viva. Pero sobre todo agora sei que coa palabra se nace e coa palabra morremos e regresamos en silencio ao po da nada escura e insensible, no interior do noso corazón segredo. Angel Utrera

Comentarios

Entradas populares