DE CONGOSTRAS E CORREDOIRAS.

Congostras dinse das vías ou camiños estreitos. Camiños de carro máis fondo ca o terreo que o rodea.
Congostra é un nome composto de tres sílabas. Como case que todas as cousas fermosas, misteriosas e  sorprendentes é do xénero feminino, o mesmo que corredoiras.
Nos tempos nos que aínda a "Santa Compaña", transitaba en tortuosa procesión buscando incautos os que agregar a súa peregrinase cara ningures, se non andabas lixeiro e atopabas terra santa baixo un cruceiro, ou no adro de calquera capela ou Ermida, cando se escoitaba a Letonia de morte dos que penaban e espiaban os seus pecados no limbo das fragas nas escuras noites dos outonos interminables e solitarios, corrías o perigo real de quedar atrapado para sempre naquela corda de presos do mais alá, mendicantes dun rosario, ou unha oración pola salvación das súas almas, negro betume.

Congostras e corredoiras polas que nas frías noites de plenilunio as bruxas acudían os aquelarres, cos trasnos e invocaban os demos dos avernos, cos que copular en salvaxe danza macabra de machos cabríos e sangue, no mais oculto das fragas.  
Aquelas Congostras e corredoiras, escuras, solitarias, empedradas de tristura e saudade polas que corría a auga libre, e  que coma misteriosas veas dun corpo descoñecido levaban os cristiáns dunha aldea a outra os días de Feira, os de festas de gardar e romaría, cando non de ir as mozas se trataba, desapareceron no arrebolar salvaxe dos novos tempos, nos que non gardamos lugar para a historia, os recordos, ou as palabras en forma de contos e lendas, o xeito mais  puro e duro de narración oral e cultura dos pobos.



Corredoiras de gaiteiros, pandereteiras  e festa, enlousadas de suor e traballo nos tempos de sega ou de sementar. Corredoiras de muíños onde moer o grao que levaban aqueles carros de madeira de buxo e eixe de ferro que cantaban enchendo os silencios do bosque, mentres subían ou baixaban tirados polos bois en triste monologo de pensamentos e contas dos homes de pel cheas de enrugas e curtida polo sol e o vento.
Aquelas congostras e corredoiras que recorrían estes homes duros e calados de si señor e respectuosa cabeza baixa diante do amo, e mulleres de bágoas en silencio e pano na cabeza, en branco e negro, coma as súas ilusións e esperanzas dunha vida mellor, que nunca chega.  
Congostras e corredoiras, de pingas de brétema e árbores espidos nos outonos, ou de follas de verde e auga cando os raios dos ceos traspasaban a espesura e desdibuxaban e fantasiaban a realidade xogando as agochadas no lusco fusco do día, ou tralo primeiro velo das noites humbrías, mentres as carricantas e as vagalumes alumeaban nas sombras dos taúdes .  

Congostras e corredoiras, sendeiros e camiños a nada, pasado esquecido e abandonado entre o musgo das pedras ennegrecidas, as arbores putrefactas, e os regatos e regos secos dia tras dias.
Congostras de silencio, de morte en vida, de sombras fuxidas, de furnas e furacáns que levaron aquel xeito de entender os homes e as bestas as fragas, a palabra, a madeira e a pedra da vida que vendemos.   

Angel Utrera. 

Comentarios

Entradas populares