A VOZ DURMIDA DESTA TERRA NA PALABRA DE ANTIA OTERO.

JOSÉ MANUEL ESTÉVEZ-SAÁ

{ Políticas de babel }

Antía Otero, creación e novas voces

A CREACIÓN literaria en Galicia pasa por un dos seus mellores momentos. Ás voces consagradas do pasado afastado e recente únense cada vez máis valores dispostos a gritar ao mundo que é moito e moi bo o que Galicia pode achegar ás letras universais. O compromiso dos medios coa difusión das nosas manifestacións artísticas, o empeño dos estudosos e investigadoras en dar valor ético e estético ao que se crea na nosa terra, e o convencemento dos nosos autores de que o galego é unha lingua chea de matices, capaz de expresar, como outrora, toda a beleza e o sentimento da sociedade, fai que críticos literarios e culturais de todo o mundo incrementen o seu interese por unha produción poética, narrativa, teatral e ensaística que o paso do tempo e os avatares sufridos polo noso idioma no pasado e no presente, non lle impiden crecer en calidade e variedade.


 A poesía de Yolanda Castaño, Diana Varela Puñal ou Antía Otero é un bo exemplo. Simplemente tomando como referencia a creación poética de última xeración, é dicir, a daquelas e aqueles poetas cuxa obra foi publicada a partir do ano 2000, podemos comprobar até que punto tradición e modernidade conviven, o xeito en que o local dá paso ao universal. A experimentación e o xogo estético adornan unha produción chea de posibilidades que é capaz de romper barreiras temporais e espaciais para porse ao servizo do mundo, como fiel recreación da mentalidade dunha nova época. Rupturista e transgresora, a poesía recente rezuma musicalidade e beleza. Así de fresca e vigorosa é a obra de Antía Otero. Actriz e escritora da Estrada e da colleita do 82, Antía Otero presidiu este ano a entrega de galardóns correspondentes ao Certame Literario 2012 da Universidade da Coruña que anualmente orgnaiza a súa Facultade de Filoloxía co fin de fomentar a creación poética, narrativa, ensaística e teatral en lingua galega e castelá entre todo o estudantado universitario. Como ben sinalou a decana Teresa López, "a literatura non debe ser só cousa de filólogos, senón de todos".

No seu discurso, Antía Otero falou de temas e estéticas posteriores ao ano 2000, de identidade e de entidade. Esta flamante representante desa "xeración sen xeración" que conforman os nados ao redor dos anos 80, non se esqueceu de compañeiros como Mario Regueira, Daniel Salgado, Alicia Fernández, Dores Tembrás, María Rosendo, Xiana Arias, Ana Cibeira, Berta Dávila, ou Gonzalo Hermo. É por iso que falou do rural e do urbano, de refuxiados e de bombas, dá figura de Eva, do poder da fala, do nome dos obxectos, de sensualidade, de princesas e cincentas, de mulleres cultas e científicas, de estranxeiría e indignación, de frustración e esperanza, e desa infancia perdida como un "parque de atraccións pechado por descanso".


Os estudantes premiados, Tamara Barreiro Neira, Sergio Cernadas Leis, Iris Gey López, Ánxela Lema París, Juan M. Salorio Díaz, Pablo Méndez Seoane, Alejandro Rego Díaz, e Jesús Rodríguez Piñeiro, puideron gozar do estímulo e a forza intelectual que emana da sensual e sabia mirada de Antía Otero.
www.josemanuelestevezsaacom


(Artigo publicado no Correo Gallego o pasado dia 4 de Xuño).

Comentarios

Entradas populares