POESIA NA FRAGA ( II ENTREGA)-ENCONTRO EN POESIA NA FRAGA DE CATASOS -CASAS VELLAS (LALIN)

Continuo a publicar os poemas dos diferentes poetas e artistas que estiveron conosnco o pasado Domingo dia oito de Novembre, deixando as suas pegadas en forma de poemas na "Fraga de Catasos, casas Vellas, de Lalin, en perigo pola especulaciòn e o poder dos cartos, dos señores de Union Fenosa, e a sua LAT, que pretende asolar a nosa Fraga Bonita.
Hoxe outros catro poemas, de outros tantos poetas, que xenerosamente colaboraron coa plataforma Salvemos a Fraga de Catasos, e a Asociacion Cultural O Naranxo......


 XOSE VAZQUEZ PINTOR.
Os bruidos dos bosco calaron
de sùpeto. E as árbores chantaron
as raíces na terra tripada
e abranguida. Todos abrollaron
dunha sima; e por si loitaron
e ouviron a voz empoleirada
que os tiña en arrepío. Tremeron
coas árbores e coas ponlas. Pregaron
por un tempo unha nova ollada
deica a luz nas sombras. E murcharon
as xenreiras ,e de irmaus falaron....
Houbo entón sorrisos na alborada
xurándose amigos deica a ialma.
Xose Vazquez Pintor.


 XOSE RODRIGUEZ (Xose de Cea).
Rego de Vilaxoán
Podería dicir lembro máis quero 
dicir vivo lembranza puro eido
que piso co meu tacto de rapaz
cal manto de espiñenta e verde herba
e sinto como a auga corta o folgo
nun discorrer de negra transparencia
de terra de foresta que esburaca
cun recendo de braña e raíces
cando os meus ollos nunca viran tanto
verdor que me asolaga os sentidos
tanta vida que mete unha tímida
desconfianza perante a cantarela
das ras ou o voraz voo das libélulas
no barroco dicir da chicharrada
diante do abeberar tardo das vacas
co seu recendo doce a bosta e leite
que evoca todo un mundo de lareiras
tinas para bañarse no segredo
das cortes entre a palla e o estrume
os tetos que muxían as mulleres
duros como as mamilas das rapazas
batuxando no río coas bragas
e as chambras molladas tan cinguidas
na adolescente pel que aínda fito
con abraio e desexo nun lembrar
tan grande e claro coma unha xornada
de malla na vertixe dos palleiros
tan limpo e cristalino como a auga
dos pozos ou o lazo da xeada
forte coma o padal do pan centeo
presente coma un tempo atemporal
no que digo lembranza puro eido
raíces afundidas nesta terra
que flúe na memoria coma un rego.

                                       Xosé de Cea




ANTOM LAIA
ENTRE O VERDOR DA FRAGA...

regatos....
olha-se na fraga o brugido das águas.
Regato de Quintela descendo cautivo
entre as lousas húmidas,
entre os fieitos e as folhas e os musgo
que buligam no sonhar dos corpos.

acolá:
bocadinho arriba ,carballeira de Quiroga ,
no desacougo frenético do caminho
onde na nudez das sombras acoubilhou
o tempo adurminhando como as aves
num sono de acordes manselinhos em
notas
de latejos monocordes.

regatos...
baixando cara o Deza no verdor dos fondos
da enseada na que pernoitam os pradairos
e acalmam as mâos que nos decorrem como
rulas na busca do seu ninho entre as ponlas.

olha-se na fraga o brugido das águas,
entre regos e regatos e socalcos
naquel leito
de folhas secas no coracom do lume
esperando polo morno sol que nom
se apaga...

entre os fietos as folhas e o musgo.
Antom Laia




BALDOMERO IGLESIAS  (MERO)
Non tan só son terra 
as dimensións da miña Patria.
Son campos e searas de esperanza,
son chairas e montañas cheas de anceios, 
son o mar e son os ríos,
as gándaras nas que corren 
rebuldeiros os meniños
agardando un amencer despois da noite.
Semella ser un mundo moi pequeno
desde os ollos encollidos na distancia.
nas sombras das galaxias que non vemos.
Mais nunca o dás andado e é un todo 
un universo completo, enchido de abundancias 
sedutoras, que ao ir, estenden un Sol 
ao lombo emerxendo, como pobo en multitude 
e de humanas transcendencias.
Tan grande é en valía e magnitudes
que todo queda aquí, abondoso e ao preto
en portos de ilusións, sempre que queiras
pois vai entre lembranzas que esquecemos
con tantos que a viviron e que a amaron
sobre os pousos dun tempo que é silencios.
A grandeza da Patria está en ti mesmo
na importancia da túa estima, a túa existencia
que pon cabo e final onde remata
o horizonte, que non priva a ollada inmensa
fascinada pola auga, pola luz, polas súas cores
nese paso sosegado por camiños e rodeiras
observando tras dos signos que quedaron
esa Historia que quedou baixo das pedras.

Baldomero Iglesias Dobarrio, Mero.











Comentarios

Entradas populares