SEARA.........CANDO A PALABRA É POESIA.-XOSE VAZQUEZ PINTOR.





SALOMÉ SOUTELO - Agolada Aínda que a presentación oficial de Seara é hoxe (20.30 horas) no Museo Ramón Aller, o seu autor, Xosé Vázquez Pintor, quixo facer onte unha pre-estrea da obra na súa Casa do Vila, en Quián (Carmoega, Agolada). Foi neste lugar onde Vázquez Pintor aprendeu os xogos infantís da aldea "e onde me nutrín da vida", onde chegou á adolescencia e onde lle gustaría reencarnarse e vivir para sempre. Este sentimento nin é alleo a outros autores (Castelao dicía que "Se sodes sentimentais, comprenderedes a miña emoción, porque a vila natal non é como todas as vilas") nin ó común da xente (un veterano amigo de quen isto escribe, con 91 anos cumpridos, afirma que "non hai nada peor que nacer en mala terra, porque vas querer permanecer nela para sempre").
Pintor, ademais de demostrar a súa veneración pola casa dos seus antergos, tamén a deixa por escrito, para que perdure. Fíxoo en Banzados, publicado por Espiral Maior, quen tamén se encarga da edición de Seara. "Banzados resposta a unha débeda que eu tiña con Quián: Escribir sobre o mundo labrego, a falta de cariño polo retorno á aldea e a permanencia nela". É, tamén, unha denuncia á ameaza dun encoro que planeou sobre Carmoega nos anos 50 e que finalmente se construiu en Portodemouros, salvando así o enclave do Sobreiral e outras paraxes coma o Balcón das Peniceiras ou Castro da Devesa, un castro de ribeira sobre o que antano se cultivaba.
Vázquez Pintor confesa que non "consigo escapar da poesía". Pero iso non lle impide rememorar a Quián a través da narrativa. Así o fixo con Máis vidas, no que rememora xogos infantís cos animais domésticos e salvaxes ós que quere pedirlles perdón por algún que outro momento de crueldade.
Pero voltemos ás estrofas. Parte dos poemas de Banzados aparecen en Seara, igual que doutros sete poemarios como Rotación violeta e ademais dous libros inéditos: Anuncian aves e Os versos do zapateiro. Oprimeiro comezou a tomar forma en xuño de 1991 cando, con motivo da inauguración da Casa de Cultura de Agolada (o antigo concello) Vázquez Pintor montou unha exposición artística. Unha noite, pechouse no recinto para adicarlle un poema a cada unha das 40 pezas. Este xeito de inspiración continuaría durante varios anos, ata chegar a 74 composicións. Hoxe, na presentación do museo, algúns destes poemas serán lidos polo autor, en especial os adicados a cadros dos que o autor xa está falecido. En canto a Os versos do zapateiro, de novo Vázquez Pintor xoga co sentido das palabras. Se Seara é un libro comunal no que participan todos, igual que na terra que abastece de pan, o escritor de Quián confesa que "os zapateiros traballan por encarga, e eu fun realizando estes versos tamén por peticións", como a epístola a Balbino, o protagonista de Memorias dun neno labrego, con motivo do 50 aniversario da súa primeira edición.
Non é a primeira vez, nin a segunda, que Vázquez Pintor se lembra dos oficios tradicionais. Na súa traxectoria escribiu ata tres libros etnográficos sobre esta cuestión, entre os que figuran Os vellos oficios. Porén, o seu libro non favorito, pero quizais o máis querido, é o primeiro, Gándaras, o único que ten limiar e que, ademais, está asinado por Daniel Varela Buxán

(ARTGIO DE SALOME SOUTELO, PUBLICADO NO FARO DE VIGO DO 24/02/2012, co gallo da presentacion do ultimo libro de Poemas de XOSE VAZQUEZ PINTOR, SEARA, que foi presentado onte no Museo Ramon Aller, de Lalin, polo editor e o autor).

Comentarios

estrella ha dicho que…
Hola Ángel!!

Nos gusta volver a nuestras raíces,a nuestra niñez,a los lugares donde crecimos.

Muy interesante,lo de escribir sobre sus obras,es una gran idea.

Por cierto,gracias por tu comentario.
Un abrazo!!
PD.A veces,la traducción de blogger no es muy buena,pero intento comprender, donde falla algunas palabras.

Entradas populares