VIAXE AO TRAVES DO ESPELLO......PALABRAS.









Insondable, misteriosa,
enigmática quizabes
ou tan so un pesadelo.
As palabras atrapadas no silencio
como unha gadaña a segar
o verde grisento do mar
cruel bafarada que o esfumiñaba todo
en tanto que as ondas espumosas de cristal xeado
na madrugada pintada en branco,
fundido en negro, se extingue
como o pasado.
Palabras abalorecidas
condenadas a esmorecer na praia dos desexos esquecidos
ingrávidos entes etéreos,
sombras errantes no berce das lama
nas congostras inexistentes;
Sei daquelas palabras escuras
escritas no tempo atrapado no embolo de cristal murcho,
deixando tras delas un longo laiño de fume de vapor
como crisálidas entre a brétema.
Palabras roubadas
como gaivotas balouzandose no silencio da nada absoluta
entre xogos e equilibrios imposibles
viravoltas e guindos rente das ondas do mar salgado
con habelencias propias dos meus desatinos.
Tal vez actuei coma un tolo fuxido do sentido
e escudándome na lóxica mais ruín e imaxinaria,
imitei a súa vida errante
desafiantes, afundidas nunha temeridade infinita
na procura das palabras esquecidas.
Na tolemia doutro lado da liña da loucura
as nubes algodonosas, pintando aquí e ala
a marca do horizonte turbulento
preludio dunha noite teima, procelosa e insomne
de alcohol e sexo,fuxida do meu peito baleiro
ao quedar sen ela.
O silencio, a ausencia de palabras
e o mar sempre,
con ese verniz grisallo e borrallento
borrifado de miúdas e brincallonas ondas
que corricaban ata estoupar nas pedras dos cantís
rocha tan dura como a soidade na que atrapado
me facía sentir irreal no deambular polas entrañas deste túnel do tempo
no que mortal, sentía a inútil e descoñecida sensación o meu redor
desta profunda escuridade na que de esguello
clarexaba-la palabra do silencio rachado polo medo
mentres comezaba a viaxe .
ao través do espello da razón perdida
costa abaixo e sen freo.

Comentarios

Entradas populares