miércoles, 7 de noviembre de 2012

INVERNO..................

Inverno
noites de xeada que xorden de súpeto
Inverno
de caramelos de cristal e xeo
de neve na xanela do dia que esperta
Inverno
de amañeceres fríos de brètemas e aloumiños
entre o lazo nas fontes e as coriscadas
das bagoas negras da tristura solitaria
e da nostalxia.


Inverno
de camiñante solitario
as mans nos petos do pantalón
apertando os soños do que non fomos.
Inverno en branco
de lume nas lareiras das cociñas
de contos e de trasnos de vellas
en loito permanente consumidas.
Inverno de lúa chea
que tímida se esconde tralo arco da vella
e mira como pingan as folliñas
camiño das sombras escuras do pasado
entre pedras e palabras esquecidas
que voan no ar
coma historias malogradas da vida.



Inverno de metáforas
de alentos conxelados nos silencios
da viaxe en vagón de madeira
e ao final o destino inalcanzable da morte negra.
Inverno
pintado sobre as cores do outono
ao que agarda a sinfónica primavera.


Inverno na escuridade da casa nos estreitos calexóns baleiros da aldea
sobre as tellas de barro
e o fume que fuxe entre elas.
Inverno que agarda por nos
e que nos leva.
Publicar un comentario