AO PÉ DO FARELO.........O CAN.




anapixel

Ads by PlusHD.3Ad Options
FARODEVIGO
VOTE ESTA NOTICIA
AO PÉ DO FARELO

O can

27.01.2014 | 03:01
O outro día, lendo a triste historia de D. Luis Huertas Castel, este home que para non molestar vivíu os derradeiros cinco anos da súa existencia e morreu coma un can nunha tubaría debaixo dunha ponte, a beira do río Ebro -xa lles falei del no meu artigo A vida nunha tubaría-, recordei as pinturas da época negra de Goya, e máis concretamente os cadros impresionantes Saturno devorando a Venus, Aquelarre, Duelo a garrotazos ou Perro semihundido. Para min, o primeiro cadro surrealista da historia, no que podemos sentirnos atrapados por esa atmósfera cero de terrible soidade, desilusión, desesperanza e medo. Saben ao que me estou a referir verdade? Se non o coñecen, busquen en internet, de verdade paga a pena.
O can de Goya estase a afundir, coma moitos dos nosos veciños e amigos de calquera das nosas cidades, vilas e aldeas, no desencanto dun tempo gris e terrible, cheo de desasosego, pesimismo e desesperación no que os máis negros pensamentos, coma aqueles que nubraban a mente do noso pintor ao mesmo tempo que o sumían no silencio das palabras por mor da súa xordeira, estase a apoderar deste fermoso mundo noso, no que o vale todo dos aquelarres dos poderosos, as loitas fratricidas e cainísmo destes colosos con pés de barro, enfrontados contra todo e todos polo seu propio e único beneficio e interese, non nos permiten saír da lorda, nin avanzar, nin acadar a táboa de salvación do futuro no que, coma náufragos na nosa Barca de Medusa, nos atopamos a mercede do temporal irremisiblemente sen acubillo nin escapatoria posible.
O can fálanos, dende a súa fonda tristura duns ollos polos que se lle está a escapar a vida a callón, dun presente agreo, cheo de tormenta e desgustos, melancolías e fracasos de sentirnos de ningún sitio e cara ningures, de borrachos sonámbulos camiñando a tombos ou montados nunha nora estúpida de feira coa que damos voltas e máis voltas sen chegar a ningunha parte, sen verlle saída ao túnel e sen ter un horizonte claro e limpo polo que loitar para acadar a saída ao labirinto de Teseo, no que nos teñen atrapados coma monicreques movendo os fíos, estes señores da guerra amos dos nosos soños e ilusións.
Goya nárranos na imaxe deste can semiafondido o temor ao descoñecido, o silencio cómplice e culpable que desgarra as nosas gorxas, a desesperación e a ausencia de soños, porque sen eles non hai vida no presente, nin esperanza no futuro.
Este Can semiafondido é o baleiro da inmensidade, o todo e a nada, a absoluta soidade e falla de humanidade polos máis desfavorecidos e febles. O can é o home fronte a inmensidade do universo, a perversión dos poderosos que o miran, nos miran, imperturbables e sen compaixón, e representa en si mesmo o medo, o baleiro, a loita pola liberdade e a desolación.
Contemplando unha e outra vez esta marabilla de cadro pensaba nos que coma o invisible de Zaragoza deixan a súa vida sen facer ruído, sen importar a ninguén, sen que os boten de menos en ningures, coma cans, despois botei unha ollada cara a televisión e coma un estoupido as gargalladas grotescas dos nosos deputados no parlamento déronme un noxo irreprimible, collín o meu gato no colo e aperteime con el buscando un pouco de comprensión, calor e humanidade.


-O meu ultimo Artigo no Faro de Hoxe 27 de Enero de 2014. --------

Comentarios

Entradas populares