O RELATOR QUE ATESOURABA PALABRAS...

O RELATOR QUE ATESOURABA PALABRAS.-







Lentamente de pouco a pouco converteuse nun observador, un curioso impertinente que anota nun caderno de tapas vermellas todo o que ve, o que escoita, o que soña, o que descubre dia a dia en cada pedra do camiño, no azul do ceo, nas sombras e nos claros, na luz que se extingue e na noite que absorbe os estragos feitos polo maltrato do dia.
Foi deste xeito, como de  relator do visto, pasou a atesourar para se mesmo na soidade daquelas follas brancas o apunte, as notas dos seus soños e así converteuse no relator que coleccionaba palabras .
Escribía palabras inconexas unha e mil veces, case sen sentido nun combate maiúsculo coa perda de razón que ia de pouco instalándose no seu cerebro e gañándolle a batalla sen darse conta. Acumulaba cousas inútiles, reflexións incongruentes, frases baleiras de contido coma se foran contos do seu propio ente no mundo esfumado e borroso no que íaselle a vida.
O rexistro micrográfico das palabras que brotaban da súa man aterecida e convulsiva atrapada pola enfermidade e cada vez mais deforme, nun proceso de transformación gradual de man; capaz de acariñar docemente, en garra retorcida sobre a nada, chegou a seren nos derradeiros cadernos un labirinto de tolemia, no que agochaba sentimentos, pensamentos, olladas a través das pálpebras pechadas dun cego, el mesmo, atrapado no medo da morte coa que convivía, un observador que acumula rexistros taquigráficos que ninguén pode entender, e traducir por mais que coñeza e domine a lingua na que transcribía o que saía del.
O recordo; polo tanto, coma un narrador de vida e esperanzas, de soños e pesadelos ensimesmado no colecciónesmo de instantes esquecidos, o verdadeiro e único habitante da súa morada interior que permanecía pechada e inviolable a calquera intento de aproximación amigable, ou procura de amor, de comprensión ou de comparticiòn do silencio cómplice e da soidade que nembargante no implicaba para el a soidade do individuo coma ser, moi ao contrario, sei que non sentiu xamais a extenuación da soidade no silencio intimo e cotián no que mergullaban os seus sentidos.
Agora que xa non está comigo, seino. Foi unicamente un home completo e total,cheo polos seus pensamentos pequenos, no infinito microcosmos da palabra na que aqueles cadernos o tiñan atrapado e da que era incapaz de fuxir, aínda non ter cadeas que o retiveran nela, como na cova escura e mítica; a caverna, o home filosofa coas sombras desdebuxadas na parede rochosa e húmida e cree que esa é a realidade do exterior, e así vai do pequeno ao mais pequeno, e do mais pequeno ao ínfimo e minúsculo, nunha sucesión máxica de cousas cada vez mais e mais insignificante ata atopar a mais pequena de todas; a morte, a  desaparición completa e absoluta da palabra .   
Angel Utrera

Comentarios

Entradas populares