FALARMOS DE POESIA. (ANTONIO GARCIA TEIJEIRO).

Falar de Antonio Garcia Teijeiro, é a forza falar de Camiñantes e camiños, de congostras que transitan polos ríos da vida e os soños, falar de presente e de pasado, de sombras e de claroscuros rachados polo silencio das palabras que berran a voces buscando a saída do labirinto que resulta seren os recordos, falar de incerto desdebuxado polas brétemas  da noite en pleno dia, pero sobre todo é falar de saudade en carne viva, de tempos mornos de furnas e mares embravecidos nos que mergullamos dia a dia na procura de nos mesmos. ...

Eu non sei cómo penetrar
nas fragas húmidas do teu rastro
ese rastro espazo de vida
onde o tempo toca as palabras
que fuxiron dun corpo sen reloxo....... (Na agonía dos outonos en Silencio ,poema).

Antonio xoga cos conceptos, encumbra os silencios, arroia as palabras e deixa que sexa o camiñante o que nos amose o fondo do baúl no que agochados as sombras do pasado acenden co alba o novo día cargado de presente, nesta vida dura, ingrata e mal parida que as veces nos perverte, e que cada un de nos vendemos polas esquinas.
Garcia Teijeiro é poeta ante todo, e domina os tempos, os silencios e as ledicias das palabras quentes, das frías, dos duros e profundos sentimentos deste xeito sobrevoa en pegadas de feitizo as fragas milenarias da fantasía dun neno grande que non deixa de buscar o seu lugar nesta terra de soños e misterios aínda por descubrir libro a libro.

Cando alguén ateigou a conversa dos homes e moitos deles comprenderon a negación do discurso arelado, alguén decidiu emprender unha viaxe e converterse nun vello camiñante na procura das chaves do Labirinto......

Nestes versos o propio poeta danos as claves nas que embarcarnos con el nesta viaxe sen rumbo nin destino que é a poesía, para chegar a comprender que a vida non é mais que un intre entre o feito de nacer, saír do ventre cálido da nai, e o acto de morrer en un mesmo en soidade, ollando cara a cara  a morte nesta viaxe definitiva a ningures.     
Na presentación do poemario "Na Agonía dos Outonos en Silencio", dicía Fran Alonso, a quen pido perdón por apropiarme das súas acertadísimas reflexións;


......."Na agonía dos outonos en silencio,é un fogar de intranquilidade íntima, un libro onde é o silencio quen fala, boca a boca co poeta, coma un amante que lle deixa pequenos segredos ao oído.... 

Nos versos de Antonio, as palabras mergullan espontaneamente entre os sentimentos mais profundos de cada quen, cabalgan a lomos de ritmo e boa poesía que xurde a cachóns coma unha fervenza do fondo da tristura da vida e o desencanto pola vileza do home, lobo, insensible e asasino de ilusións, esperanzas e soños, para conducirnos polas ondas dos mares salgados de augas esmeraldas e ardentes areas en praias derramadas . E descobres aínda sen buscalo nin pretendelo cas palabras teñen musica, harmonía e flotan no misterio da noite en calma, as veces desordenadas, -en aparencia- mais  so éche unha escusa, un recurso do autor para captar a túa atención dispersa e atraparte no bambán baleiro no que se bambea o vento de calquera parque, de calquera cidade, de calquera Pais, en calquera mundo, real ou inventado cheos de bancos  onde durmir....

durmiu
nun banco dun parque
soñou
destinos pasados
perdeu
andainas manchadas
roubou
o tempo ás cidades
fuxiu
de tanta quietude
negou
distancias urxentes
mirou
paredes sen edra
sorriu
no medio das fugas
deixou
saliva nas nubes
morreu
fundido na néboa......(De Na Agonía dos outonos en Silencio).

   
Aínda que daquela eu non debía de ter máis de cinco anos, lembro con claridade (unha claridade un chisco neboenta, iso si), como se foi xestando este libro. Recordo que certo día me dei de conta, do xeito en que picariño de cinco anos se dá de conta das cousas, de que meu pai decidira ser escritor.....Entón, cando non tiña máis de cinco anos, eu observaba como el se pechaba na súa biblioteca, no medio dun caos organizado de libros e discos e pasaba horas e horas a  escribir. Daquel cuarto pequeno que arrecendía a papel e palabras sempre escapaba o son da música. Bethoven, Mozart, Shostakovich, Dylan, sempre Dylan......Antón Garcia Fernandez (Nashville, Tennessee, Setbro do 2006 ."Comecemos a Parolar, ...Presentaciòn para o poemario Parolando coa Vixencia).   
Daquel primeiro libro de poemas, palabras atrapadas no espírito fresco do novo, rescato estes versos, pola súa definición do que Antonio Garcia Teijeiro pretende da vida que vendemos dia a dia, golpe a golpe, paso a paso, verso a verso;

Neses intres nos que non sei falar
ou non podo
ou non quero
tento descifrar a túa linguaxe de néboa angular.
Neses intres nos que non sei falar
ou non podo
ou non quero
rexeito as herbas que envolven os corpos.
Neses intres nos que non sei falar
ou non podo
ou non quero
escoito as gorxas mudas dos seres que inventan silencios.
Neses intres
é cando non ignoro o valor do absurdo
nin o estoupido do vello revólver.
Neses intres nos que non sei falar
rexeito o os discursos baleiros
e gardo as ideas solares
que me impiden ser escravo
de tantos mitos de pedra. (Parolando coa Vixencia. 1ª. Edc. de 1987)


Porque efectivamente Antonio, estamos dacordo en que nin a Amizade, nin a poesía nunca poden perder vixencia e camiñar xuntos polos camiños dunha e doutra nos ten que envolver nunha chea de poemas e sinfonías de palabras que unen e ilusionan; Paseniño, Paseniño....compartindo momentos de gozo e soños que é vivir.
Angel Utrera.
           -------------00000--------
Polo camiño do incerto, é un libro no que Antonio García Teijeiro crea unha atmosfera densa e misteriosa resolta en claroscuros que nos fan participar dun tempo de silencios rachados polos pasos dun vello camiñante que, despois dunha longa e penosa viaxe, permanecerá para sempre nas verbas dos poetas como sinala o epitafio co que remata este poemário.
Xulio Garcia Rivas.

Comentarios

Entradas populares