INDO A PASO DE BOA MÙSICA. (DAVID OTERO)






INDO A PASO DE BOA MÚSICA .

“…e todo canta nas orixes destes chantos, rebos, trabes,tellas,encastres,lousado,muradillas,portas fiestras,xanelas, bufardas; arquitectura primaria,de seu agradecida, de seu casiñas abertas dos ninguén de ningures que dormen e descansan nelas en días e horas de cavilacións, de noso sempre pedras e madeiras…- así falaba Amarelle o bombardino cualificado cando mozo en flor tocaba na banda de Muimenta -… e aqueles hipócritas nos despachos agora polo que nos pasa dinnos:non desesperen, que así tamén o escribe o poeta de Quián…- segue neste falo Amarelle.

1.

E velaí meus…Velaí que aquí agora estou ao pé da vella figueira do eirado da miña casa. Xustamente xunto ao muro que aquí teño un apousadoiro ben feituco, que sendo de pedra de gran como ben traballada é mol para as miñas partes de asentar. Eu non son dos que din que quen sentou na pedra nunca contou ben dela. E así mirade o que tamén se di destas árbores, as figueiras, que seica son das que dan mellores sombras. E poida que si… A min gústame disfrutala. Pois o que si rotundo é que os figos son ricos como de mel. Ben diso dan conta os melros e nótaselle. Non paran de facer viaxe. Eu con todo e con máis se fixer falla declaro que aquí estou ben de ben… que é dicir de marabilla. Sobre todo ao ir como falando e destas dando paso de memoria polo recordar dos sucederes da vida que me foi indo. A miña vida. A que agora sinto toda ela vestida de bo campar e tamén encarnada en moitos anos. Noventa e cinco…Que non vos é coña… Noventa e cinco xustos como respiros de anos variados, anos de moitas formas e de moitos valeres…aí eles ben afirmados como resultas das contas máis exactas e mellor botadas. Noventa e cinco. Védeme pois aquí lucido e enteiro hoxe a estas horas logo de xantar e a marcar páxina de declaro de como este mornear do sol de setembro que nestes ires de último de mes xa che van os días frescos e así mesmo aquí fóra digo que xa non dan de todo para botar o que eu entendo por unha sesta ben acougada. Ben completa. As nubes xa toldean e póñense a panos no ceo e mesmo dan sinais de que pronto neste noso país outra cousa vai ser moi distinta ao que foi ata agora. Coa autoridade dos meus anos sen botar man do privilexio das canas, poido dicir que nesta miña terra de aquí e de por cerca logo do dezaseis de setembro, o “ dos dolores ” como lle damos a chamo, xa se lle vos vai poñendo porta ás calores do verán sobre todo logo do oito de setembro “ o dos milagros” e asemade polo mesmo tamén se lle bota o pecho ás festas das parroquias que mesmamente só quedan algunhas, e raramente, como a Pilarica dos gardas…o San Xudas ou xa no tarde o Santo André do que se di que se vai nun mes e vense noutro, ou… veña que paro…que xa dá igual, que son raras e resumindo xa digo que logo de mediados de setembro a cousa apaga a troula e a voz por fóra e vai un e métese no outono en tempos estes xa de mirar como abrazar e recoller ben a vida para tirar polo inverno adiante que xa non vos será moco de pavo iso…tirar por el. Os de aquí que andan fóra xa marcharon. E ben din que así se noto unas estradas. Logo do quince de nosa señora , e aí meto ao dezaseis do San Roque, xa escasamente poucos quedan. Son raros. E en setembro todo revira a outro norte. Os mozotes acaban o punto e dispóñense a ir aos estudos á vila e os máis pequenos por aquí ben nas unitarias ou nos colexios xa levan un tempo niso de aprender. Eu cos meus anos sumados en noventa e cinco a tales tempos xa vou fóra de moito dese trafego de comezos de escola e instituto. Nesta casa xa abeiramos dese camiñar así e desas horas. Os netos están cos seus pais en Compostela. Ningún dos fillos quixo enrraizar aquí. E non sei pero dos netos confío en que tampouco. Non se sabe… E que por veces penso que fixeron ben, pero outras… Non sei. Vale dicir que a vida aló na capital ten outras cousas… pèro é que aquí ten outras que aló non hai. Habería que saber casar ben unhas coas outras sen botar ningunha a por fóra ningunha de proveito.Agora nestes tempos e cando a mañá xa vai alta érgome polo tarde e adícome a facer un algo, e non moito, de labor pola casa.Vou a ando un algo a xeito de pousón. De todas as maneiras móvome, pois o doutor na última visita díxome que non podía quedar apancado e moito menos poñerme bolo. Móvase vostede. Recorde, díxome, pechar boca e picar sola. Andar a sobrado e de comer mermado… o xusto. Non se deixe quedar ao sentado… que iso non lle é nada bo. Mire a súa muller como espabila… dime el. E ten razón e sóbralle…como se eu non o soubese… Que abofé digo eu que así espabilou sempre moito… Que ninguén lle deu nada… Que ela apeitugou coa nosa vida enteira como unha loba fera…pero ollo…coidadiño…sempre cariñosa e amorosa connosco, cos da casa. Que tivo que tirar do carro e administrar o pouco que nos floreceu sempre a rendas… E mírena …se queren… en como ela vai dun sítio a outro como unha trinqueta toda lixeira e como ten a tensión á raia… e o colesterol… e os demáis indicadores. E é verdade todiño o que digo e máis, o que digo e aseguro, todiño é verdade. Eu sempre fun máis ao acougo e ao cuberto. Descansei moito nela …Que aínda que non o fixese tanto…! Eu dinlle máis atención aos papeis das cinco raias do pentagrama, á carpeta das pezas e ás notas que debía ler para escribir co bombardino a quen lle quero pola vida.A verdade foi que algo de renda deron, pero… tamén confeso que me entreguei máis aos respiros e ás bafaradas controladas, rimadas, da música e do aire para que a cousa saíse a compás. Por unha cousa ou outra en especial por ir tocar andiven sempre máis por fóra da casa e mirando por onde acaían as posibilidades de gañar un peso. Sen ser un perdido, dígoo así a todo afirmo, ao mellor quizabes debese botarlle a ela unha man con máis frecuencia no canto de parar tanto na baiuca do Silvestre cando viña de volta ou mesmo cando ía polo aquel de mollar a palleta, que ben se sabe que o cuspe é malismo para o metal. Tamén por enredarme nos últimos tempos e xa con coche de meu pola Estrada co Valdés, o director da Banda, que era da parte de Extremadura e que chegou de alá fuxindo dos nacionais e quedouse. Tiña dúas fillas que tocaban moi ben o violín. E el ao piano e elas dúas cos violíns facían aos domingos sesión musical no Café “ La Regional” na rúa de Manuel Fariña Bergueiro, “ o Escobeiro”, home emprendedor naquela vila chegado de Cuba e sabendo ben como poñer os cartos a render. Traballou moito polo desenvolver e modernización da Estrada. Ou tamén teño feito paro por Santa Cruz da Ulla con Del Río, tamén músico daquela Banda de Santa Cruz, que era moi bo compositor e moi sensible e da cal logo foi director moitos anos…ou tamén mesmo xa enchegando cerca da casa, aquí en Carmoega, e dándolle palique a calquera… que mesmo semellaba dar a entender que facía o tempo para chegar ao xusto á casa e non dar moita pancada…E non era… O que pasaba certamente é que sempre fun de curiosidade alta e de palabra solta , que se esta for de certa sabencia e de aprendo persoal como me pasaba de moi mozo - sendo daquela inicial de músico xa un algo alto do dente- co alcalde de Agolada de cando a República e que mataron, si…digo con Primo, iso xa era un me ir aos ensoños que non tiña traza e mirade se o tempo rendía o que el, o señor alcalde, quería que eu non lle poñía barandas nin final ata que el o quería. Pero ben… penso que xa basta de reproches e de me poñer a corazón un algo doído. Aínda así direi e non por xustificarme que eu Antón Vilar Couso, o “ Amarelle” para case todo o mundo, ou non case…non fun un mal pai e ela a miña compañeira xa me deu moitas veces e por ben horas o perdón sobrado polas miñas faltas e polo do revés que fixer. Ela agora comprende e discúlpame cando me ve como lle poño interese ao que fago, pero recorcio… e que nestas cos meus anos… xa ando a un ir moi pousón e ela enténdeos…si…enténdeos tan mellor como sempre entendeu tantas outras cousas. Agora non dou máis do que vés, dígolle. A ben miralo,… vóuna virando…xa non como mellor quixer, non…senón que como mellor podo. E vai ela e bótame un sorriso que sabe a melindros acabados de almibrar. Canto vales…ti meu amor…! Canto vales…!



2.

Pois agora ao que quería ir de intención aínda que como vedes prendo case sempre en calquera enredo dos meus recordos e non bulo ao ritmo que debo, é que a min o da música levoume case todo. Os anos e os suspiros. Dígoo así porque a min os anos pasáronseme a todo correr e por riba tal como sen miralos…nin escoitalos dar paso aínda que si… sentilos de min ben por dentro. Xa van aló máis de vinte anos que non boto aire polas festas adiante. Aquí na casa e no lugar, polo arredor, se por calquera ocasión ou motivo hai tercio de parranda…alá vou eu co meu instrumento disposto a facer número. E iso de número non é un dicir por dicir así a baleiro, pois todos , uns e outros, debésedes saber que ata non hai moito… as festas corrían de sona, de rumbo e calidade… segundo os números que se traían a contrato para a alborada ou pasarrúas , para a procesión e para os concertos ben o de mañá ao mediodía como o da tardiña indo para o baile da noite. E xa cando a banda era enteira… mecá…! Non había outros falares para outros tantos presumos e outras tantas fachendas. Pois ben… a estes tempos tamén o entenderedes que o meu peito xa non goberna en tan fino tanto coma antes e é lóxico…o vivir paga un restar a cada pouco… Pero as mañas… – ai meus amighos…! – esas están acendidas coma sempre o estiveron. E aínda, direino pola calada para que Consuelo, a miña compañeira, non me bote berro nin reproche por ser baduán, que aínda lle boto uns miros ás mozas… e ás non tanto. Que eu digo que non hai muller fea salvo ou sacando algo moi raro de noso señor…Moi raro terá que ser. Digo. Pois seguindo neste contar saberedes que fun á academia pola noite . E xa antes de que meu pai volvese de Cuba e me mercase na Coruña, aínda que alí… mellor dito… pagouno, si…nunha tenda da rúa Santo André – “ EL BIEN SONAR” chamábase – pero encargáronmo aos Estados Unidos, si señor…o bombardino. Que menudo de aprezo fixen del todo o resto do meu vivir. Os dous inseparables fomos moito, moitísimo… de facer migas e de tecer compaña seguida de tanto… e por tanto. E que hai que velo que como aínda brilla e como reloce ao sol de calquera tempo tal como á primeira hora. Unha máquina perfecta de harmonía e tons con función inmellorable.





Foi sempre como un reloxio de precisión. Xa sei…xa…non me miredes desa forma que comigo…non vos vale …Pois non... Que eu ao meu intrumento non lle chamo ese fino nome académico e nada popular de “ tuba menor”… Tuba menor…! Pois que non me dá a ghana !. Para min é e será bombardino de tres pistóns e un cuarto que lle dá amplitude como un turbo a un coche. Amplitude. El é o rei dos instrumentos nunha Banda. Tamén se nota ben nos grupos de “ jazz” e xa non digamos niso que arestora corre a moda polas festas das vilas e cidades que son “ as charangas”. O asunto para o bombardino é ter “moito labio” e tamén saber co que se anda. Ter tino e coidado. Que dunha vez… e non hai moito… fun ver unha das Bandas recén creadas e chea de mocidade. O director foi alumno meu. Era da Bandeira. E xa estando os músicos no palco ao agardo do comezo do concerto vin como un mozo - que saben moita música…hai que dicilo- repito…vin como el pousou o bombardino enriba dos pistóns. Collín cabreo e fun e díxenllo. El colleu e colocouno ben pero sen moito aquel de interese nin recoñecendo que fixo mal. E aquilo non me gustou. Pois ao instrumento… hai que mimalo coño…! Mimalo…! Pois ben e seguindo co novelo de contar pois eu toquei na de Muimenta e Merza e xa logo quedei ata a fin do meu andar na de Brántega.Canto me gustaba o aviso de ir tocar. A calquera sítio me valía. Eu vivín a música como outros a letra e a palabra. Gustoume sempre e tívenlle a maior atención. Sempre disposto a aprender e coma non…si señor…a ensinar a quen de min quixese tirar proveito. A vista en marchando de desfile leveina de fronte con preferencia, pero eu como algo retorcido que fun sempre…tamén a viraba a esguello e así gozaba do mirar ghuapo dunha muller tamén ghuapa e ben posta. Chula. Rosadiña de cara e de carnes pretadiñas e nin moitas…nin poucas…e si completas. Nada de delgadeces. Ben postiña e risoña a poder ser. Nada de caras de sarxentos. Nin de cabos siquer… Pobo e base… E sempre ao sorrir e disposta a un falo para comezo. A recibir e compartir. Palabra agarimosa sempre polo medio. Bos modos. Elegancia e educación. Finura. Así mes gustaron sempre as mulleres. Eu na casa teño unha. Nós os músicos temos sona de mullereiros e de darlle ao beber. Tamén de querer o xorne sen dar moita pancada. Sona é direi que case sempre. De mulleres… as xustiñas…E non tantas como se din que elas tampouco son parvas, nin se deixan a mansedume como moitos cren. De beber xa mira ti…pois non digo que non…dámoslle un algo de máis co disculpo de mollar a palleta…que abofé é máis un dito que unha necesidade, o mollar a palleta e xa non tanto o apagar a sede, que a esta dámoslle sempre que se poida cumprida atención.O de facer máis descanso tamén é verdade. Se a Comisión ou o maordomo non anda enriba nosa… non hai queixa dos tempos mortos que facemos varios e de abondo nunha actuación. E sempre na disculpa de lle dar calmo á sede, descanso á gorxa ou facer as necesidades, asemade botar un pitillo, dar aviso ourecado e facer un falar con alguén coñecido ou de cerca.Iso si. Que a cousa non pensedes que pasou así sempre de por valía. Que dunha volta… na vila da Estrada fun coa de Muimenta e era polo Santo Antón. Dous días. Daquela quedamos alá por onde puidemos. A cousa foi que ao segundo día o palco estaba posto na rúa principal da vila e os da Comisión, sobre todo o seu presidente o señor Xosé “ o roxo”, sabedor este e vendo tamén como fixeramos o día antes colleu el e logo da procesión da tarde e ao comezo da festa da noite foi e colocou un garrafón de viño no palco e unha “ damaghuana” de auga. Mirounos con autoridade antes de subir e díxonos ben ás claras que mexaramos e fixeramos o que nos viña a preciso… que logo ata o folión das doce… do palco non baixaba “ nin diós”, que xa alí enriba había mercaduría para o calmo da sede e para o acouto da gorxa. Non lle ía permitir baixar a ninguén. Iso se queredes cobrar…advertíunos. Mirade se xa nos ían coñecendo e de que ben. Os músicos de cómo se debe fomos e somos da arte e niso vainos tamén a sona popular do ser non tan ben. Un algo pillos. Quizabes tamén un algo picaflores. Non nego nada. Pero como diría Castelao , tan amigo de Varela Buxán de Cercio…sonvos “ cousas da vida”.

Que por certo agora que falo de Castelao teño que advertirme e telo a presente… que cando os meus rapaces de Compostela me veñan buscar para me levaren ao oculista a Santiago pedireille que dean un rodeo e que me acerquen aos Verxeis de Oza en Teo para visitar ao meu amigho Avelino, Lucho do Peto, do meu tempo, mestre e devoto de Daniel Castelao. Teño ganas de saber como anda de saúde pois dixéronme que por finais de marzo tivo un revés que o tiñeron que internar. Teño que dicir que Lucho do Peto, Avelino, cando de mestre tamén quixo ser músico aló por terras de Nadela en Lugo. Tiña un grupo chamado “ Abel y sus Jabatos”. Non lle deu por ningún instrumento. El quedouse en vocalista e hai que ver o que tanto fixo co seu aire nas vocais do noso idioma. Hai que ver. Velaí que xa por hoxe paro. Consuelo ponme a chamo e pide por min. Marcharei para dentro. E así daquela antes de entrar quero que saibades que outro día será máis…amighos… máis do mesmo. E con iso… outro contar e máis contos. Que os teño e variados. Pois noventa e cinco anos dan para ben. Polo de agora sabede… que se chegastes ata aquí…que vos desexo de corazón que vaiades sempre a dozura de vivir… a paso de boa música…


David Otero.

(Maravilloso relato co que nos agasallou na sua xenerosidade, o escritor e mestre da Estrada, DAVID OTERO, e que foi publicado no libro A MEMORIA, A PALABRA A MUSICA, que editou a Asociacion Amigos da Banda de Musica de Agolada, o ano pasado.)

AS FOTOS, foron donadas por cortesia de D.EVARISTO LOPEZ MOURE, musico que fora das bandas de Brantega e Baiña, alà polos anos trinta, antes de que emigrara cara a ARgentina, donde reside, dende entòn. Na sfotos, podese ver a sùa muller Josefina, nas portas do Conservatorio, nas ruas de Buenos Aires, e unha das poucas que conserva de cando era musica aqui, nunha romaria en Berredo.,...etc.

Comentarios

Entradas populares