jueves, 20 de octubre de 2016

A BIBLIOTECA NO SEU DIA (DAVID OTERO).

A BIBLIOTECA NO SEU DÍA



Nós andabamos por libre, cóntanme unha lectora e un lector.Cada un polo seu reconco. Pensabamos que a lectura era cousa de soidades consentidas.Mesmo daquela pensabamos que así estabamos ben coas nosas lecturas. E non. Pois, sen saber unha do outro, entramos na biblioteca e atopamos moitas “ elas” e moitos “ eles”coma nós. Atopámonos.E agora desexamos fondamente sabernos “nós” consolidados ( que de verdade aínda falta, leva os seus momentos).E así foi como nos lanzamos,Botámonos polos tantos mundos. Os das e dos que nos metéramos na rolda aquela tan primorosa de lectoras e de lectores.Tamén o fixemos polos tantos mundos dos libros.E así se foi creando, vaise creando, un mundo xigante de mundos. Universo de nós. Todo o fixemos porque nos petou. Cos libros. Na biblioteca. Coas bibliotecarias. Para así instalarnos mellor fóra, nas rúas, nas casas e nos nosos propios lugares de nos atopar para vivirnos íntimamente tantas cousas. Tanta vida.
Notamos que as nosas experiencias collían máis de moito para encher as nosas vivencias de amantes e de amados. Por iso sempre volvemos ao facer ourado de ler e da lectura. Ao prateado inmedible dos libros. Na biblioteca. Nas Bibliotecas. Alí recordamos con gusto os tempos de ir por libre, que non eran feos, pero estes momentos de arestora, os de nós, na biblioteca sobre todo, vannos de moi ben. Tanto que nos colocan, que nos poñen , xusto e máis no que desexabamos.
A biblioteca deixou de ser ese lugar de baleiros feitos silencios a palabrapouca, a curtapalabra Volveuse unha festa popular interminable.Xa que logo culta. Menudo amor alí. Na casa de libros e de lecturas ( dunhas, que tamén hai outras que non se fan alí).Lavabos de certas soidades asumidas agora liberadas. Espazo no que avanzar e conquistar. Pintando e repintando. Sabendo que pintamos. Facendo e refacendo, Soñando e desexando. Que é dicir sentindo. Que é dicir comunicando. Que é dicir lendo. Con tentos e contentos. Con libros. A sinfonías acompasadas a momentos de corazóns latexantes que van medrando, medrando, a cada ilusión. A cada animación..Indo e vindo.Sen querer marchar de alí , da Biblioteca, así polas boas ( aínda que irse a outros sítios fai falla).
E saberás, dixéronme ela e el , que todo iso antedito éche moi guapo. Que merece a pena vivilo. Que non é obligatorio. Claro que non. Pero non se sabe o que se perde. Probade. E xa nos diredes. A nós pasounos esa marabilla. A nós pásanos.Na Biblioteca. Nas Bibliotecas.




david otero, escritor.

(+) palabrapouca e curtapalabra van xuntas a propósito.


Publicar un comentario