V ENCONTRO DE POETAS EN BONAVAL. (IV ENTREGA).



Nova entrada resumo do que foi o V encontro de Poetas, poesia e musica en Bonaval (Compostela), no que o redor de unha vintena de poetas, musicos e artistas, nos dimos cita para recitar e escoitar os soños, encantos tristuras e ledicios dos que mellor saben facelo, no incomparable marco da Igrexa de Santo Domingo de Bonaval.

Hoxe toca o turno os poemas de; 



ANTONIO GARCIA TEIJEIRO
ANTOM LAIA LOPEZ
MARIA LOZANO FUEGO
DAVID OTERO..



ANTONIO GARCIA TEIJEIRO


OLLOS NO  MUNDO


Hai moitos ollos no mundo,
ollos ledos e baleiros,
pequerrechos, preguiceiros,
ollos tristes e profundos.

Ollos ollando os abrentes,
ollos con olladas frías,
ollos de noites e días,
olladas de ollos doentes.

Ollos claros e marróns,
azuis, negros, verde escuro,
ollos que baten nos muros,
ollos-corisco e limón.

Ollos das pombas feridas,
ollos limpos, meiguiceiros,
ollos que aluman carreiros,
ollos de olladas perdidas.

Hai moitos ollos na terra,
ollos ollando as olladas
doutros ollos e as moradas
de tantos ollos que berran.


                                                           ANTONIO GARCÍA TEIJEIRO                   

                                                                                 (Do poemario “Paseniño, paseniño”)


SEN TI

                                                                                        
Voz sen verbas:                                
silencio.

Mar sen auga:
deserto.

Sol sen raios:
misterio.

Luz sen brillo:
coitelo.

Man sen man:
un berro.

Dor sen laios:
o tempo.

Eu sen ti:
inferno.
                              
                              ANTONIO GARCÍA TEIJEIRO

                      (Do libro  Na fogueira dos versos. Edicións Xerais.1996)














ANTOM LAIA LOPEZ....

                                                                     Era Galicia un puro val ou oco
                                                                     de densidade verde e fume morno.
                                                                     
Era Galicia a chaira mais espida
                                                                     inerte néboa sobre ilhó de lodo...."poesia enteira de h.bens".


GALIZA ESPERANÇA ANGOSTA.(inédito)


SETEFONTES caminho de todos os caminhos ao pé das casas
SETEFONTES nas rotas proseguidas no devecer dum canto
SETEFONTES nos olhos daquel rapaz que toutinhava entre a névoa
SETEFONTES entre o meu Río nas Terras do Bozelo murmurando
SETEFONTES como a Galiza asolagada entre os ilhós dos vales
SETEFONTES na dorna que navega indómita na minha caracola
SETEFONTES na mirada viva do Alexandre sempre vivo
SETEFONTES do Courel dos tessos a Vilanova dos Infantes
SETEFONTES nos ninhos que acoubilham nas ponlas os pássaros
SETEFONTES na nossa pátria ateigada de alalás na madrugada
SETEFONTES no mar que derrota mil fronteiras em infinitas águas
SETEFONTES caminho de todas as congostras ao pé das casas

trigo comunal nas vagoadas nas que as Balteiras parirom
filhas rebeldes como guadanhas de ferro inmorredoiro.

GALIZA ESPERANÇA ANGOSTA,velho pais de carvalhos-
ergue-te e anda
ergue-te e anda.





SONHOS DE TANGARINA---"AS MARGENS DO TEMPO"

Eu tinha umha montanha no fondal dos olhos,
era pequeninho como um segredo de almofada,
enfianhava numha orquestra sons de tangarina,
sonhava co canto dos grilos,coa voz dos pássaros.

Eu tinha umha montanha no fondal dos olhos,
era um neninho pirata na noz que navegava,
era umha barquinha que surcava polas poças,
era um raparigo de tambores de folha-lata.

Eu tinha umha montanha de seixo perdurável,
eu tinha brinquedos de madeira e olhos de prata.
Amassava na lama bonequinhos de esperança,
jogava a brincos sobre os areais molhados.

Era eu um meninho de olhos grandes na montanha
aló-no tempo aquel-quando os animais falavam

e ainda agardo umha floresta de flores azuladas...



MARISA LOZANO FUEGO


PRETÉRITO SALGADO

Arrecende a nostalxia.
Un arume a beizo durmido
póusase nas pálpebras.
Chove,
e cada gota de saraiba
agarima coma escuma de mar.
O ar sabe a peixe e a liberdade,
sereas travesas
esvaran polas rochas suplicando
un vestido feito de brétema.
Canto, choro,
os saloucos
berran como rudas treboadas,
golpean a face do silencio.
Murcha, seca, maldita,
toda a saudade do meu peito
estoupa
nun Arco da Vella
húmido,
morno.
Cuspe de anxos
molla a pel
e comezo a murmurar oracións
que non teñen senso nin nome,
a eses deuses que posúen cola,
e que respiran a través de branquias.
Na beira do mar,
expirou
a derradeira verba de amor
e de sal,
a última promesa
dos meus iris.
Hai pretéritos
que endexamais
volven a conxugarse
en primeira persoa do plural.

Marisa Lozano Fuego




QUERO ROUBARCHE UN BICO


Quero roubarche un bico
que cante louvanzas de vento,
que teña sabor a lenda.
Un bico puro, bravo, tenro,
cos ollos feitos de azufre
e os beizos
de nonmeesquezas.
Un bico que arda e castigue,
que xee.
Un bico paixón e un bico tenrura,
un bico opaco, un bico espello...
Un bico envelenado, un bico escudo,
protector da dor,
da loucura.
Un bico que quepa nas mans
e que non quepa na razón,
un bico que barra lembranzas
e que absorba
os imposíbeis.
Quero roubarche un bico
tan preguiceiro
como osado,
tan misterioso
como certo.
Quero roubarche un bico,
se mo prestas
xa non sereia ladroa de peles,
e gostarei
de cumpri-la condea
entre as túas mantas,
baixo a túa lingua.




 DAVID OTERO
                                  
BONAVAL
A LETRA DE RESISTENCIA..........

Imos polos camiños de humildade,
nesa fachenda de así,
sementando o uso da palabra nosa
e sendo máis NÓS… cá nunca.
Velaí devanceiros nosos
a vida noviña e fresca
de mulleres e de homes
de traballo solidaria…e xusta.
Vida noviña e fresca
defendendo o comunal,
recoñecendo en plenitude:
o ben, o mal…o regular.
Vida noviña e fresca
implacable coa mentira
e coa traizón
e cos voos rasantes de voitres… ( e de gaivotas)
Vida noviña e fresca
que non semelle unha rareza
e que vai na fileira soberana
a compás da amorosa e colectiva conciencia
Devanceiros nosos, honra popular,
nisto sabede… que non haberá fraxilidades.
Nós, na palabra e na obra…, non imos permitir
que a miseria se consolide.
Os nosos corazóns latexantes feitos versos,
a palabras que alborexan enormes primaveras,
resisten e loitan pola vida,
pois o inimigo…non é de fiar.
david otero, outono en Bonaval MMXVI.



NOS SOÑARES A VIVIR

Hoxe os versos , palabra a palabra…
tamén son fríos como folerpas de neve
que nos abrazan e nos avisan
de vivencias e de imaxes.
Pois así queremos na poesía
facer memoria e vida de nós,
corpo e densidade,
en poemas materia…de combate.
Hoxe os versos non veñen…
dun simple falar.
Pois elas non son nenas de calquera noite,
nin de calquera outro momento
que alimente escuros tempos.
Elas… non son esas.
Elas non son vidas traballadas encollidas
ás que lle dar sabor,
nin son carne gobernada,
nin diso nada… cociñado.
Hoxe os versos non veñen…
dun simple falar.
Elas non son quen lle consenten
ao teu impor,
nin calan por moito que lles berren
e responderán ao teu correo…sempre.
Elas farán que as tornas sexan outras,
que cambien as direccións dos medos
e que as mans se collan na loita e na esperanza
superando calquer sentencia.
Hoxe os versos non veñen
dun simple falar.
david otero, outono en Bonaval MMXVI

Comentarios

Entradas populares