V ENCONTRO DE POETAS E POESIA .(POETAS EN BONAVAL I. )

Dou entrada a partiren desta primeira entrega a crónica e os poemas dos poetas , musicos e artistas plasticos, que participaron o pasado Domingo dia 16 de Outubro, no V Encontro de Poetas e Poesia. Continuando coa serie iniciada en Melide, fai xa cinco anos, que tivo a sua continuidade no magosto que celebramos no fermoso e incomparable recinto feiral dos Pendellos de Agolada,  para continuar na Estrada da man da Asociacion cultural Vagalumes, y despois de entregar o testigo sermos acollidos nas humidades silenciosas da Fraga de Catasos, enchida de musica e palabras pola súa defensa e posta en valor, co gallo do IV encontro,

 chegou o dia 16, e Bonaval dos soños foi o marco escollido, o berce da nosa cultura e lingua, e o lugar impresionante de pedra e ledicia, no que mais de vinte tolos, entre poetas, e artistas, nos dimos cita para honrrar a memoria e recitar, o que mellor sabemos facer.
Algunhas das fotos corresponden a man e autoria de Delio Sanchez, a quen agradezo a sua amabilidade permitindome usar o froito do seu traballo.

De entrada traio a Helena Villar Janeiro, que ainda que fisicamente non pudo estar connosco, si que o estivo dende o principio ata o final, na escrita do seu artigo no Correo Gallego, do Venrres 14, e na voz de Romina Bal, que deu lectura o seu poema, diante da tumba de Castelao, como peche a homenaxe e memoria que fixemos, da man de David Otero, ante a tumba de Rosalia, cunha ofrenda floral, e a musica de Placido Rozas, chegado dende as terras do DEza, coa sua gaita para deleitarnos coas notas de "Negra Sombra", e de remate Manoel de Felisa, rosas na tumba de Alfredo Brañas e os demasis ausente que sementan a terra que os acolle e da descanso  en tanto o froito da sua palabra medra nos corazons dos novos poetas.



 EN BONAVAL, PERANTE CASTELAO XA RETORNADO


Contando pedra a pedra,
rosa a rosa,
faltaba no colar de Compostela
a pedra túa,        
a túa rosa,
irmán.

A cidade era pedra
e era rosa,
pedra e rosa, anque eivadas.
Eivadas as campás,
o Día Grande,
o balbordo festivo,
mesmo as dores
máis entrañables e máis misteriosas.
Eivados os discursos
e as mensaxes.

Non puideron contigo as anduriñas...
Tras tantas primaveras soterrado
en terra allea, en permanente sombra,
non puideron as aves,
nin toda a natureza, completar o teu oco na Cidade.

Cada solpor sen ti
era un caer o sol polo Pedroso
preguntando ferinte
“¿Que lle digo a Daniel?”

E a cidade, estantía,
en silencio ou balbordo,
trascendendo as metáforas ata a melancolía,
respondía a cotío:
“Dille que me complete,
que voe so, que burle
todas as vixilancias.

Que falta do colar a súa rosa.
Que falta a súa pedra”.


Publicado na revista Andoriña, nº 4, 1986




Este domingo ás 11h comezará en San Domingos de Bonaval un encontro poético con música e arte plástica en apoio da palabra. Poetas de toda Galicia farán a quinta edición dunha cita poética itinerante convocada por Ángel Luis Utrera Baza, namorado da palabra e da fotografía que atopa na poesía o eixo vertebrador de sensibilización social. Será a V realización duns encontros flexibles promovidos para servir coa poesía diferentes causas. A I edición foi hai cinco anos en Melide por chamada de Soqui Cea, Xosé Vazquez Pintor e Antom Laia par dar coñecer a vila a través dun roteiro. A II aconteceu arredor dun magosto nos Pendellos de Agolada. A III fíxose na Estrada, por convocatoria de David Otero. Baixo a dirección da Asociación cultural Vagalumes rendeuse homenaxe a Marcial e Avelina Valladares en Berres, e a Garcia Barros na súa casa natal, para despois acabar a carón do Ulla. O IV convocouse na capital do Deza en colaboración coa asociación cultural O Naranxo e a plataforma Salvemos as Fragas de Catasós. Foi un acto reivindicativo das fragas, os bosques e a biodiversidade dun país estragado pola especulación, a senrazón dos cartos e inda a incompetencia de políticos ao servizo dos poderosos. Cabo de carballos e castiñeiros quedaron en taboleiros de madeira poemas e palabras de mais de vinte poetas. O V encontro vai reunir no lugar máxico de Santo Domingo de Bonaval a uns vinte poetas, e a músicos escritores e artistas que empezarán por unha homenaxe ás personalidades soterradas no Panteón de Galegos Ilustres. Haberá música de gaita acompañando este primeiro momento e outras diferentes ao longo da mañá, co telón de fondo da mirada do pintor Xullo Garcia Rivas. Entre os participantes estarán Miguel Ángel Alonso Diz, Romina Bal, Luz Fandiño, Xoán Xosé Fernández Abella, Miriam Ferradáns, Antonio García Teijeiro, Antom Laia, David Otero, Lorena Rei, Mª Neves Soutelo, Ramiro Vidal Albariño e Ángel Utrera. Eu non poderei acudir como quería porque me require outra actividade comprometida con anterioridade.










Pregúntolle ao convocante, que me honra coa súa amizade, se esta actividade é produto do contacto coas novas tecnoloxías e dime que, inda que as redes sociais facilitan estas convocatorias, el estivo desde sempre facendo da palabra e da arte un vínculo emotivo que se asente na cultura popular, libre e espontánea, veña de quen veña e sexa como sexa. Tamén me di que non é un activista cultural, porque non debía facer falta andar animando a ninguén a que aprece e mostre publicamente a riqueza da nosa cultura e do noso patrimonio. Non obstante, é obvio que as redes sociais multiplican as posibilidades de comunicación propiciando este tipo de xuntanzas e que son máis necesarias que nunca persoas con capacidade organizativa e entusiasmo desbordante para que a abondosa masa dispersa da cultura levede xunta e produza o pan que alimenta a dimensión social da actividade artística sen a que a vida humana non ten saúde.
Publicado en El Correo Gallego (14-10-16)
.Nas seguintes entradas vou ir publicando as DEzaseis intervencions dos poetas, as pinturas que fixo para oo evento o artista Xulio Garcia Rivas, e mais as intervenciòns musicais de Miguel Angel Alonso, chegado dende Ferrolterra, e Clara Pino e Pablo Vidal, co seu arpa e contrabaixo, impresionante...... 



Comentarios

Entradas populares