V ENCONTRO DE POETAS E POESIA .(POETAS EN BONAVAL II. )

SEGUNDA PARTE DO ENCONTRO DE POETAS E POESIA CEREBRADO EN BONAVAL O PASADO DOMINGO DIA 16 DE OUTUBRO.

O  RECITAL.-
Vou ir publicando progresivamente as intervenciòns dos poetas e musicos que tomaron parte no V encontro de poetas e poesia, en Bonaval (Compostela), por orden Alfabético segundo o programa establecido previamente para o evento. Hoxe os seis primeiros poetas....


Teresa Ramiro
Miguel Angel Alonso Diz
Romina Bal
Luz Fandinho
Xoan Xose Fernandez Abella
Irene Fernandez.

intervencions musicais de CLARA PINO E PABLO VIDAL, no inicio da apertura do recital, e de MIGUEL ALONSO, o rematar do primeiro bloque de poetas. 



TERESA RAMIRO.-

         CÉNIT

Chamará un día o siléncio 
a porta
e as palabras sairán da miña boca 
orfas
tal vez o tempo me alonxe para sempre 
do mar
impedindome abrazar 
o horizonte.
Lentamente no ceo extinguirase 
a lúa 
e a noite cubrirame 
de sombras 
adentrareime entón na miña 
infancia 
entre árbores e rios camiñarei 
sonámbula





                                   SOMBRAS

 
Habitame o devalar do día , na procura dun tempo
onde as noites non se ateigen de tristura.
Habitame un corpo regado coas augas
das lágrimas que baixan buscando o rio.
Habitame un tempo no que me soñei
bailando na madrugada, ata acender o dia .
Habitanme espirais de rosas con espiñas 
que se cravan no ventre, baixo o fulgor da lúa.
Habitame a friaxe gris e o silencio nos ósos
embalada polos ventos de unha espera e un olvido .
Habitame a soedade , coa brisa da poesia 
que das miñas tebras é , a única porta aberta .
Habitanme os versos , nas marxens do tempo
para ollar os mares nos que mergullo a tua ausencia.




MIGUEL ANGEL ALONSO DIZ

                               

Retorno ao país dos ananos sen moverse da habitación   33.


IX
Vivo no país do lixo
onde nada ten valor
onde se fura a terra
onde se caza o reiseñor.
Vivo no país do lixo
entre o verso e o rancor
entre nenos sen lingua
entre traxes sen corazón.
Vivo no país do lixo
e inda gardo no interior
a forza dun cativo
a voz dun enorme canón.
Por iso disparo versos
contra o ceo violador
contra o cego político
contra o comprado trobador
Por iso disparo versos
contra o pérfido editor
contra o peito baleiro
contra o oído do invasor.

RetornoAnanos.
Vivo no país do lixo
durmo en caixas de cartón
non degoiro diñeiro
son un latexo soñador.
Constrúo o meu nome baixo a idea
de que Galiza é unha gran nación,
de que o único lixo que hai na terra
somos todos nós! Camiñantes grises
homes e mulleres sen vocación,
pais que lle cortamos a tenra lingua
ós nosos propios fillos por temor
Vivo no país do lixo
son galego por sangue
e por un inmenso amor,
o meu nome é Miguel Ángel
e se credes que son perigoso…
tedes toda a razón.

RetornoAnanos_


ROMINA BAL

nunca bailamos, 
os nosos corpos non danzaron, 
non se moveron acompasados
sen palabras,
fomos só folhas de carballo que se rozan ao vento,
na igrexa, dentro da igrexa, á par dos santos,
crin ver unha luz de lealdade nos teus olhos,
un día tras un banco vermelho fronte ao mar
cando me dixeches que non podías deixar de mirar para o verde dos meus olhos...
Era todo unha verdade desas que pasan coma as nubes

II

Mataron a luz faltos de electricidade
cun vento famento de seitura
estrándoo todo de carpazas, de avinza, 
tinguindo de azul, case lilá, un monte ermo,
atrincheirado tras os penedos,
chove,
e elas olhan dende o curuto un triste encoro espido de babuxa

 III.


Eu, independência,
sou mulher
desempregada
deslinguada
perseguida
e ilegal.



LUZ FANDINHO

Rosalia:
Agachan e transforman
a crueza
da túa historia
e queren amosar
de ti,
unha "santiña chorona"
cando ti
deches exemplo
de arriscada
e reivindicadora.
No teu peito latexaba
a semente da xustiza
e ò pretenderen enterrala
das feridas do teu peito
xurdiron
roseiras de rebeldía.

II.

Eu quérome bañar
na transparencia das palabras,
palabras que rebentan
as estreitas canles da censura,
palabras que refutan
a se disfrazar con falsos veus
de hipócritas pudores,
gústanme as palabras
que non usan taparrabos
que locen o seu sexo
coma os paxaros
e as flores,
coa impúdica inocencia 
das bolboretas
que liban os néctares
no sexo espido das prantas que son
as flores, pintadas de espermas
e seme, mensaxe de novas esperanzas.


XOAN XOSE FERNANDEZ ABELLA

SE DIGO ROSALÍA

Se digo Rosalía,
digo amor á xustiza;
se digo Rosalía,
digo amor á verdade;
se digo Rosalía,
digo amor ó seu pobo,
digo amor a Galiza;
se digo Rosalía,
digo amor ós humildes,
ás viuvas dos vivos e dos mortos,
amor ós emigrantes;
se digo Rosalía,
digo profundidade,
e vida verdadeira,
de sombra e luz,
cravo esencial,
e fondas soidades...

Fuches unha adiantada,
unha gran precursora,
unha gran pioneira,
feminista inmortal,
unha muller completa...

E tiveches que ser
estranxeira na Patria,
cunha Lingua que estaba,
e ti tamén, e todos, e todos nós,
lonxe, lonxe, moi lonxe
de estar normalizada...

O día que o Galego
sexa a lingua empregada
en tódolos ensinos,
e na Arte, e na Ciencia,
e na Literatura.
E tamén na Política,
e na Prensa, e na Radio,
e na Televisión,
e na Tecnoloxía,
e en todos, todos, ¡todos!
os eidos,
sen excluír ningún...

Entón, e só entón,
terás ti, e teremos
a Patria desexada,
universal e nosa Rosalía.

Os Tilos, 10/xullo/2.016


Xoán Xosé Fernández Abella



TRÍPTICO SOBRE O PRESTIGE


I

(Este poema reciteino na Estrada o 14/Nadal/2002) co título
"Prologuiño sobre o Prestige" que antepuxen ó que dediquei ós
premiados co sobranceiro San Martiño)

¿Ata cándo o capital
fará o que facer lle peta,
sementado morte e ruína
nas augas, no ar, na terra?

Maldigo os moitos Prestiges
e a cantos deles se ceban,
e a cantos te orixinaron,
criminal marea negra.

Bendigo a axuda e o afán
dos ben nados que se empeñan
en que nunca, ¡Nunca máis!
estes crimes acontezan.


Os Tilos, 14/Nadal/2002



II

NUNCA, NUNCA, ¡NUNCA MÁIS!


¡Vivas leccións de heroísmo
dannos as xentes do mar,
de humanismo e cristianismo,
na súa loita singular
contra o chapapote-morte
que os pretende aniquilar!
Pero dá con xente forte,
rexa, baril, abnegada,
que no loitar ten seu norte.
Xente por min admirada,
que exemplo de heroes son,
e que teñen moi gañada
a meirande admiración,
que levo, como tesouro,
grabada no corazón.
E contra o egoísmo mouro,
vil escravo do diñeiro,
el berra como un estouro:
A loita, agora, o primeiro,
pero desexo ademais
xustiza, e un verdadeiro
nunca, nunca, ¡Nunca máis!


Os Tilos 19/Nadal/2002



e III

VOLUNTARIOS


Benia! para os voluntarios
que nos están a ensinar
exemplo de solidarios.
Acoden, para axudar
-de Galicia, España, o Mundo-
as nosas xentes do mar.
Traen no peito un profundo
sentir solidariedade
contra tanto abuso inmundo.
Aquí aprenden a verdade:
que as nosas xentes do mar
están a necesitar
xustiza, non caridade.


Os Tilos, 19/Nadal/2002


Xoán Xosé Fernández Abella





 IRENE FERNANDEZ

Cada ser humano ten unha historia que contar, unha alma que espir, unha pegada que imprimir.
Cada segundo das nosas vidas, nace unha nova árbore do amor. As verdades por descubrir saen de entre as sombras.
Xa que todos merecemos sabelas, permitídeme, por favor, aportar a miña.
Durante o comezo dos tempos, soubemos que podiamos relatar poesía propia e ilustrar outras vidas. O pincel é a ilusión, e o lenzo a nosa pel, onde apertamos as cores da vida. Sabedes que a nosa existencia está chea de contrastes, por iso non precisades negar os vosos medos. É certo que poden ferir, mais é san aceptalos. Ás veces pregamos que unha voz nos dea esperanza, unha aperta longa e sincera, lembrándonos que non estamos só(a)s, como facedes coa vosa música. É algo adorábel, digno de agradecer. Penetra nos oídos e tamén nos corazóns.
Quen debuxa estas letras, baixo esta chuvia de outubro, escóitao con tal gratitude que non pode ocultalo máis. Esa sensación tan reconfortante chegou á nosa beira nada máis chegardes vós, exemplos de entidades cunha importante misión.
A misión é expandir a vosa luz tan especial. A habilidade de calzar outras areas. Coidar doutras sen ser vistas, mais si sentidas. Quizais non sexades conscientes disto, mais expresades as verbas cunha dozura que só tedes. Espero que sigades transmitindo o voso poder aos seres que atopedes e aos que xa coñecedes. Nas vosas mans fica a responsabilidade máis doce: seguir cultivando esta marabilla de terra.
Agora é o noso turno de vos lembrar o moito que valedes, malia ficar atrapad@s no ollo do furacán. A grandeza medra en vós, faivos bailar no aire e dominar a treboada. Conservade a vosa esencia, a vosa maxia. Pasade o resto da vosa existencia arroupando outros pasos.
Grazas por facernos espertar. Grazas por axudarnos a recuperar a esperanza e facernos sentir máis vivos ca nunca.



MIRIAN FERRADANS.

Hoxe advertíronnos que rematou a estación de camiñar descalzas.
Dixéronnolo os serios e as follas.
Díxonolo a auga fría daquela fonte,
os homes tristes que pasean normas.
Debemos tapar os pés, eles queren camiñar a cegas.

Ninguén pode botar raíces no descoñecido. Os corpos no escuro non medran.
A terra é hostil na estación do cambio da folla.

Somos de forza perenne. Eles deberían sabelo.
Na casa onde nos criamos, os toxos daban de durmir ás bestas.
A nós acubillounos a palla seca e a alerxia.

O esvaradío da folla, a caída:
queda prohibido camiñar descalzas
e sen fillos.
Situámonos fronte o frío, espidas / cambio de estación
Achegamos as nosas mans ao ventre, preparadas para a ventisca.

Cae a folla, no Pasaíso sempre é primavera.
Non temos froito, somos de folla perenne
situarémonos fronte o frío.
Berrando.

II.


Unha casa escura e aventada onde aínda os mortos sentan cada día,
un retrato, unha postal da súa ausencia,
esa, podería ser a miña Patria.

Un souto onde o vento retorne da ferida do pasado
e devolva o seu lamento
pendurado nas ás
dun paxaro incandescente.

Unha muller cosida de parte a parte,
as súas vísceras valentes,
os seus beizos rotos,
as costelas partidas por algún Adán.

As negadas, o seu idioma,
esa podería ser a miña Patria.

Aquela nena que maldice os credos
regalándolle pecado
a quen lle torceron os dedos de tanto apretarllos.

A voz silenciada,
o decálogo insurrecto do homes de metal,
aquel ladrillo de Bertold Brecht para ensinar a casa,
a terra cubrindo os teus osos de pobo
o teu alfabeto de sangue, a xustiza…
esa podería ser a miña Patria

Unha bandeira esgazada polo vento,
a forza das mareas contra o dique,
o seco do sol no salitre de agosto
as mans que teceron estas que sosteño hoxe
e a  nosa lingua de sangue, e os nosos pés de terra
e aquela estrela
esa é a nosa Patria.




A Raiña do Vento.....Miguel Alonso en youtube...

https://www.youtube.com/watch?v=CL49JLkqoSI


Comentarios

Entradas populares