A SOIDADE; EU COMIGO MESMO




A necesidade de abrazar os tempos mortos
converteuse día a día nunha rutina;
atrapado nela
como nunha maraña de silvas e toxos
na que devagar
o pano de sombras vermellas
envolveunos no doce e sereno veleno
de cereixas e verán
polo que deixamos estragar aqueles días
de nenez e inocencia.
Os recordos ficaron mornos
nun aceno do vento nordés
ao fuxir entre as tamuxas dos pinos secos
tralo lume en cinza pervertido.
E  daqueles xogos de amor primeiro
fundido en beizos que bicar  furtivos
so quedou a esquiva sombra do cativo.
¿Acaso sucedeu o foi tan so un soño?
Maña ao espertar
ollarei trala xanela fría do cristal espido
o que non foi, non sucedeu xamais
o abismo do alivio
o negro betume na beirarrúa do camiño
a soidade;
Eu comigo mesmo. 
 

Comentarios

Mar e Lúa ha dicho que…
É triste espertar logo dun soño así e observarte na túa soidade... Pero din que os soños están para darnos o que non temos durante a vixilia e para deixar sair o que non deixamos saír, así que soñemos!
Unha aperta!

Entradas populares